En marcha a web do Pacto dos Alcaldes polo Clima

luns, 12 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

Os concellos da nosa terra, da costa e do interior, están a sumarse á comunidade de municipios integrados no Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, unha alianza que, como se indica no seu nome, vai dirixida a facer fronte común, dende acción local, para encarar os principais retos do quecemento do planeta. Trátase, en definitiva, de facer colectividade a prol do coidado da nosa contorna máis próxima e, a partir de aí, do mundo enteiro. A comunidade presentou hoxe a súa web oficial, pactodosalcaldes.gal.
Foi dada a coñecer pola directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira.
Alén dos concellos, a Xunta é a coordinadora da iniciativa, impulsada a nivel europeo para implicar ás administracións loita na loita contra o cambio climático.
Ferreira explicou que a páxina é unha ferramenta deseñada co obxectivo de proporcionar aos 313 concellos información de interese para impulsar a súa implicación no Pacto e dar forma aos compromisos que carrexa, así como servir de canle de comunicación entre a Xunta e os municipios adheridos.
Neste sentido, indicou que a páxina “terá un espazo privado reservado para ás entidades que xa estean adheridas e que servirá de canle de comunicación e intercambio de experiencias entre os concellos e a Oficina Técnica do Pacto dos Alcaldes en Galicia, creada pola Xunta o ano pasado para canalizar o seu traballo de coordinación con relación a este movemento”.
Nestes momentos, explicou, hai xa 121 concellos adheridos formalmente ao Pacto na comunidade (42 da provincia de A Coruña, 25 de Lugo, 38 de Ourense e 16 de Pontevedra ) e outros 32 que están en trámites de adhesión ou contactaron recentemente coa Xunta para interesarse. A directora, a tenor das cifras acadas, mostrouse “moi satisfeita” pola resposta que acadou a alianza dos alcaldes e do compromiso local galego, xa que, salientou, “no primeiro ano da Xunta como coordinadora en Galicia, logrouse sumar a esta iniciativa a 143 entidades locais, 12 delas cunha poboación superior aos 20.000 habitantes e incluídas catro das sete grandes cidades: A Coruña, Santiago, Lugo e Ferrol”.
A directora xeral lembrou que o Pacto dos Alcaldes polo Clima e a Enerxía foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica na actualidade a case 10.000 autoridades locais pertencentes a 59 países de todo o mundo. O Goberno galego traballa como coordinadora da alianza na nosa terra coa convicción de “que os retos globais do cambio climático deben afrontarse desde as vilas e as cidades de xeito unido e partindo da premisa pensar global, actuar local”. Neste senso, dixo, é determinante o apoio municipal e da cidadanía para lograr cumprir cos obxectivos que se ten fixado a UE para o ano 2030, que se resumen nun 27% menos de consumo enerxético, un 40% menos de emisións de CO2 e un 27% máis de enerxías renovábeis. Por iso, lembrou que o reto do Goberno autonómico é traballar para lograr a adhesión ao pacto da práctica totalidade dos 313 concellos galegos de aquí a 2020.
A web
A entrada en funcionamento deste novo portal web, tal e como explicou Ferreira Costa, “será clave para impulsar e aplicar o Pacto en Galicia, porque porá a disposición dos concellos os materiais necesarios para aprobar a súa adhesión, un amplo abano de exemplos de boas prácticas para o deseño dos plans de acción, e referencias de liñas de financiamento para a aplicación dos mesmos”.
Ademais, dixo, esta web “fará máis accesíbel a axenda de eventos que se están a realizar para favorecer o intercambio de experiencias entre autoridades locais no desenvolvemento da iniciativa e será o principal vehículo de información e difusión do Pacto en Galicia”. Por outra banda, a páxina terá utilidade tamén para achegar datos á cidadanía, ONG e outro tipo de organismos interesados sobre a situación do Pacto dos Alcaldes en Galicia: número de concellos adheridos, cumprimento dos compromisos, plans de enerxía e clima dos concellos dispoñíbeis, etc.

PUBLICIDADE