En marcha dende o Campus de Ourense unha aula virtual para practicar o mindfulness
mércores, 20 de maio do 2020
O
Campus
de Ourense (Universidade de Vigo) acolleu a posta en marcha dunha
Aula Virtual de Mindfulness para traballar as
consecuencias da COVID-19. Trátase dunha iniciativa do profesor
Stuart McNicholls (Facultade de Ciencias da Educación) que se
centra, como dixemos, nas metodoloxías e posibilidades da práctica
da conciencia plena. A través desta iniciativa achegaranse recursos
prácticos para afrontar, “con presencia e compaixón”, as
próximas fases de desescalada do confinamento, “abordando
con obradoiros as consecuencias individuais e colectivas da crise
sanitaria”.
O
mindfulness, detalla Stuart McNicholls, é unha disciplina
relacionada co benestar integral que está en auxe dende hai máis de
tres décadas, cada vez en máis campos, empezando polo ámbito da
saúde física, logo no da saúde mental ata estenderse ao campo da
educación.
A
aula virtual, que conta co apoio da Área de Actividades Culturais do
Campus de Ourense, consistirá nunha clase semanal gratuíta os
mércores de 19.00 h a 20.00 h, comezando este mércores, día 20 de
maio, e prolongándose ata finais de xullo. A estrutura básica de
cada sesión, que se desenvolverá a través da plataforma Zoom,
consta dunha breve práctica silenciosa inicial, unha introdución á
practica principal da semana, unha práctica guiada en grupo grande
de arredor de 20 minutos, unha ronda aberta de intervencións e/ou
preguntas, unha práctica de meditación social en grupos pequenos de
arredor de 15-20 minutos e unha breve práctica silenciosa final.