En marcha dous blogs galegos para informar das vantaxes da transparencia e como poñela en práctica

venres, 17 de xaneiro do 2014 Redacción

A Universidade de Vigo informa estes días da creación de dous novos blogs dos seus alumnos do campus de Pontevedra (Ciencias Sociais e da Comunidación), máis polo miúdo de rapazas e rapaces do Grao en Dirección e Xestión Pública. Os cadernos foron postos en marcha ao abeiro da materia de Xestión de Documentos e Información Administrativa e a instancias do profesor Xosé Mahou. As achegas xiran arredor da cuestión da transparencia, un tema de especial importancia futura agora que tódolos regulamentos e disposicións esixen, cada vez máis, que boa parte do que fai dende unha administración ou organización, tanto na vida real coma na Rede, sexa visíbel para a cidadanía. E non só iso, senón tamén aberto á participación.
Os blogs en cuestión (H2O e Hablemos de ¿transparencia?) diríxense a botar luz sobre este concepto, ao que consideran os seus autores “sinónimo de democracia”. Asemade, din, é sinal de colaboración no coñecemento e de traballo colectivo no deseño das políticas públicas. Algo semellante a facer da vida pública unha rede social sen atrancos de accesibilidade.
O portal H2O non fai referencia no seu título á auga por casualidade, segundo sinala Gemma Rega (unha das 15 integrantes do grupo que puxo en marcha). De feito, a auga é “o mellor xeito de invocar a transparencia de algo”, engade Rega. Esta web, segundo reflicte a Universidade de Vigo, ten como obxectivo dar a coñecer entre a comunidade universitaria e entre o público en xeral o fenómeno da transparencia, un fenómeno que para estes estudante do campus de Pontevedra debera abranguer non só ás administracións, senón a toda aquela institución que se nutra de fondos públicos; institucións e organismos. A fórmula pasa por “ofrecer unha información veraz e puntual de onde invisten os seus recursos e como adxudican as súas obras”, apunta Rega. O blog centra unha boa parte da súa actividade informativa na recentemente aprobada Lei de transparencia. Segundo informan os responsábeis do caderno, os avances que implica este novo marco legal constitúen un dos piares do blog e faino a través de entrevistas a representantes de diferentes administracións públicas, unha serie de artigos con versións en galego, castelán e inglés ou as diferentes clasificacións elaboradas pola organización Transparencia Internacional.
Polo que respecta á outra das achegas, Hablemos de ¿transparencia?, inclúe entrevistas a diferentes profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación e análises diversos dos ránkings de Transparencia Internacional. O obxectivo, sinalan os seus creadores, é dar forma a“unha idea global da transparencia e das súas vantaxes”. Máis en detalle, incide en que facer que todo o mundo teña acceso á información sobre como se inviste o diñeiro público contribuirá a “fomentar a participación cidadá e, sobre todo, a xerar confianza nas institucións”.

PUBLICIDADE