En marcha o servizo de videointerpretación para persoas xordas no Rexistro Xeral e máis na web da Xunta

venres, 29 de abril do 2011 Fernando Sarasketa

A Secretaría Xeral de Modernización vén de informar da posta en funcionamento dunha tecnoloxía encamiñada a favorecer a eAdministración, con todo o que isto implica (un contacto máis inmediato e directo cos entes públicos, trámites a distancia e sen necesidade de desprazamentos, posibilidade de consultalos en todo intre dende a Rede, etc), entre o colectivo galego de persoas con diversidades funcionais auditivas. Máis polo miúdo, trátase dun sistema de videointerpretación en lingua de signos para persoas xordas, posto en marcha no Rexistro Xeral da Xunta e a través do portal corporativo.
O servizo, que posibilitaría un acceso á mesma información que se achega no teléfono 012, ficará habilitado a maiores nas delegacións territoriais da Xunta na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo e Ferrol. O sistema estará activo nestes espazos ao longo do mes de maio e xuño.
Como dixemos, en Santiago o videoteléfono foi instalado no Rexistro Xeral de San Caetano, a disposición de quen queira empregalo. Os usuarios, informa a Xunta, poderán establecer comunicación directa co servizo de videointerpretación da FAXPG co obxectivo de obter a interpretación en lingua de signos do que lles informe o persoal do Rexistro. Como complemento, a páxina corporativa da Administración galega achegará un apartado específico para o mesmo obxectivo. Desta volta, a persoa que tire partido do servizo en liña precisará dun computador en liña, dunha cámara web e dun teléfono, elementos cos que poderá establecer ligazón co servizo de videointerpretación sinalando a persoa ou departamento con quen quere comunicarse. Cómpre sinalar que ao igual que no caso presencial do Rexistro, o usuario ou usuaria disporá dun videointérprete que actuará de nexo comunicativo entre a lingua de signos e a oral.
Á posta en funcionamento da tecnoloxía asistiron a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira e a vicepresidenta da Federación de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG), María del Carmen González.
Segundo informaron, o desenvolvemento destas ferramentas sitúan ao noso país na vangarda da atención comunicativo-tecnolóxica de cara ás persoas con diversidades funcionais auditivas. Máis polo miúdo, a Comunidade sería a segunda do Estado que aposta por este eido. A iniciativa vén da man da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) e a Secretaría Xeral de Modernización. O soporte tecnolóxico provén en boa medida da Confederación Estatal de Persoas Xordas, na que está integrada a FAXPG, a través da plataforma SVisual.
O sistema, a maiores, insírese no Plan de Acción Integral para as Persoas con Discapacidade de Galicia 2010-2013 no que está a colaborar a Secretaría Xeral de Modernización. O recurso posto en marcha tería potencial para dar servizo a máis de 84.000 cidadáns galegos, que é o número aproximado de persoas do noso país con algún tipo de diversidade funcional auditiva.

PUBLICIDADE