En setembro teremos unha Nintendo Switch orientada á portabilidade

mércores, 10 de xullo do 2019 Marcus Fernández

Confirmando meses de rumores presentouse hoxe a consola portátil Nintendo Switch Lite, dispositivo que sairá á venda o vindeiro 20 de setembro en tres cores (amarelo, gris e turquesa) a un prezo de 219,99 euros, o que supón unha rebaixa substancial fronte aos 329,95 euros da Nintendo Switch ordinaria, e para o que a nova máquina fai algunhas concesións.
Para comezar cómpre dicir que estamos ante unha consola orientada á portabilidade, de xeito que é máis pequena e lixeira, pero tamén limita os seus modos de xogo, de xeito que non será posible conectar a consola ao televisor.
O modo portátil funciona sen problema na Switch Lite, e para gozar do modo sobremesa é preciso adquirir mandos Joy-Con por separado, aínda que o número de xogos orientados a este modo de xogo é moi reducido, limitándose practicamente ao Super Mario Party e a 1-2-Switch (que rexistran os movementos dos Joy-Con).
De xeito xeral podemos entender que a Nintendo Switch Lite ten poucas restricións e, de feito, ten maior autonomía que a súa irmá maior (chegando até as 7 horas), polo que para moitos usuarios será unha consola máis axeitada pese a que a súa pantalla sexa lixeiramente máis pequena (pasa de 6,2 a 5,5 polgadas) e os Joy-Con non poidan separarse do corpo.
Un detalle que si agradecerán moitos xogadores é que baixo o mando esquerdo atoparemos unha cruceta real, e non 4 botóns exercendo de cruceta como acontece na Switch ordinaria.
A nova consola tamén chegará en cores rechamantes e a partires do 8 de novembro estará tamén dispoñible nunha edición en cor gris con ilustracións dos Pokémon lendarios de Pokémon Estada e Pokémon Escudo con botóns e mandos en cores azul ceo e maxenta. Unha edición especial que podería ter unha grande aceptación dado o atractivo da franquía de Pokémon (que pretende vivir unha forte campaña de Nadal).

A Nintendo Switch Lite contará con versións especiais inspiradas en Pokémon no mes de novembro
En setembro os usuarios terán unha maior oferta de consolas de Nintendo, podendo elixir así se empregar unha versátil Nintendo Switch ou unha máis portátil Nintendo Switch Lite
O grande catálogo de xogos para Nintendo Switch funcionará na Switch Lite só con pequenas limitacións (xa que algún título precisará de mandos Joy-Con para funcionar).

Vídeo de presentación da Nintendo Switch Lite

PUBLICIDADE