Energizer prepara un móbil encartable e outro de grande autonomía

luns, 25 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Continúan as novas sobre smartphones flexibles dende o Mobile World Congress de Barcelona, pero desta volta o contraste é que a proposta de Energizer sería máis razoable en prazos e prezos, xa que apuntaría como data de lanzamento ao mes de novembro para poder venderse por 899 euros no seu modelo con procesador MediaTek (o Helio P70), mentres que o seu modelo cun procesador Qualcomm (o Snapdragon 855) subiría até os 1.599 euros.
A solución de Energizer asemellaríase ao Samsung Galaxy Fold, de xeito que despregado tería unha pantalla de 8,1 polgadas con resolución Full HD+ en relación 4:3 e, pechado, presentaría unha pantalla externa de 6 polgadas (cunha resolución Full HD+ e relación de aspecto 18:9). Este smartphone tería 8 Gb de RAM, 256 GB de almacenamento, cámara traseira dual de 48 e 12 Mpíxeles, cámara frontal de 24 Mpíxeles, batería de 10.000 mAh con carga rápida por USB-C, Bluetooth 5.0, Wi-Fi N e a posibilidade de contar con conectividade 5G.

Un smartphone con batería de 18.000 mAh

Pero non é o único produto de Energizer rechamante, senón que tamén cumpriron co prometido e achegaron a Barcelona un terminal enfocado á batería. Trátase do Energizer Power Max P18K Pop, un smartphone cun procesador Helio P70, 6 GB de RAM, 128 GB de almacenamento interno, pantalla IPS de 6,2 polgadas con resolución Full HD+, cámara traseira tripla, cámara frontal dobre retráctil, Bluetooth 5.0, USB-C e, como grande característica, unha batería cunha capacidade de 18.000 mAh que permitirá incluso cargar outros dispositivos.
Temos así un smartphone cun grosor realmente esaxerado, que claramente non está destinado para o seu uso cotián, senón para situacións moi concretas nas que é preciso cargar cun smartphone varios días afastado de puntos de carga.

PUBLICIDADE