Engadget amosa o que podería ser o sucesor do Nexus One

xoves, 11 de novembro do 2010 Marcus Fernández

Durante as últimas horas o blog tecnolóxico Engadget resucitou os rumores sobre o móbil que tomaría o relevo do Nexus One coma terminal de referencia para o desenvolvemento de Android por parte de Google publicando unha galería de imaxes tomadas hai cousa dun mes que amosarían un terminal fabricado por Samsung e podería coñecerse coma Nexus S, aínda que cómpre destacar que nin Google nin Samsung confirmaron tal información (e incluso hai quen sospeita que o logotipo de Google presente no móbil é un retoque fotográfico).
O novo terminal podería saír da man de T-Mobile o vindeiro día 24, e sería un móbil moi semellante ao popular Samsung Galaxy S (que vén de superar os 7 millóns de unidades vendidas) respondendo ao nome de modelo GT-i9020 e funcionado con Android 2.3.
Nun poucos días poderemos saír de dúbidas, aínda que o feito de que estas informacións estean a reiterarse dende fontes distintas dálles bastante credibilidade, polo que parece evidente que o Nexus One terán un sucesor que non estará fabricado por HTC.

PUBLICIDADE