Entregados os premios da novena edición do concurso A Ciencia en Imaxe

mércores, 16 de novembro do 2022 S. P.

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e as facultades de Bioloxía, Ciencias, Física, Matemáticas e Química da Universidade de Santiago (USC) convocaron o IX Concurso A Ciencia en Imaxe, un concurso para distinguir fotos e vídeos de divulgación científico-tecnolóxica. Diríxese á comunidade universitaria da USC e, como novidade desta edición, tamén á dos centros de ensino medio de Galicia nos que se imparte ESO e Bacharelato. Os premios desta edición entregáronse este 15 de novembro na Aula Magna da Facultade de Física.
Na modalidade de fotografía, a gañadora do primeiro premio, dotado con 200 euros, foi Pilar Vázquez Tato, profesora e investigadora da facultade de Ciencias da Universidade de Santiago (Campus de Lugo). A súa imaxe, titulada Unha pinga de Ciencia, amosa unha pinga de auga esférica que reflicte, a xeito de espello, matraces de laboratorio. “A refracción da luz fai que as pingas se comporten como unha lupa e mirando a través delas vese unha imaxe virada. Por iso, e co fin de ver con máis claridade os matraces recheos con colorantes químicos, volteouse a escena”, explica a autora da instantánea.
O segundo galardón desta categoría, premiado con 100 euros, recaeu en Enaitz Busto Ziarreta, alumno da facultade de Bioloxía da USC. A súa fotografía A curiosidade matou á mosca, mostra unha mosca morta dentro dunha flor.
Na modalidade de vídeos divulgativos, o primeiro galardón, dotado con 250 €, foi para Luis Arcelle González, alumno do Colexio San José-Josefinas de Ourense, pola proposta Que sería das verbenas sen Bunsen y Kirchhoff?.
O segundo galardón, que recibiu 125 €, recaeu no vídeo Cristales de plata, realizado por Fernando Barbadillo Jove, Fernando Díaz Gómez e Manuel Losa César, profesores e estudante do IES Ricardo Carvalho Calero de Ferrol.

PUBLICIDADE