Epson presenta un proxector de vídeo con HDR

venres, 16 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Nun momento no que os contidos en ultra alta definición comezan a emerxer tanto en formato Blu-ray como a través de servizos de vídeo en streaming como Netflix, Epson veu convinte presentar o seu proxector reflectivo láser Pro Cinema LS10500, que sorprende incorporando compatibilidade con sinais de vídeo en 4K con HDR para conseguir así unhas imaxes de grande brillo e contraste, presumindo dun brillo de 1.500 lumenes e unha relación de contraste que conseguiría un negro puro.
A lámpada deste proxector ten unha vida estimada de 30.000 horas, polo que o consumidor podería estar relativamente tranquilo (en contraste co que acontecía cos proxectores tradicionais) e como detalle a agradecer está o feito de que a proxección pode adaptarse a relacións de aspecto 2,40, 2,35, 1,85 e 1,78, de xeito que a meirande parte dos contidos de vídeo actuais poderán verse sen bandas negras, conseguindo así un resultado óptimo e máis agradable.
Cómpre detallar que este novo proxector de vídeo de Epson non ten unha resolución nativa 4K senón Full HD, de xeito que a ultra alta definición sería simplemente a resolución máxima de entrada que soporta, pero o feito de que sexa compatible con HDR é o que fai que a calidade de proxección sexa realmente impresionante, o que provoca unha consecuencia moi desagradable: o prezo recomendado deste produto é de 7.999 dólares.
Cun prezo tan elevado parece máis razoable a compra dun grande televisor cun 4K real, pero hai escenarios nos que os proxectores resultan uns dispositivos máis axeitados, de xeito que Epson limítase a cubrir unha demanda existente, aínda que non esteamos ante un produto ao alcance de moitos petos.

PUBLICIDADE