Eve: Valkyrie será un xogo de lanzamento exclusivo para Oculus Rift

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Parece que os lentes de realidade virtual de Oculus VR confían en ser o vindeiro bombazo do sector dos videoxogos, e CCP Games confirma que a proba de concepto que amosaban nalgunhas feiras de videoxogos, EVE: Valkyrie, non vai quedar nunha simple demostración do que poden dar de si as Oculus Rift, senón que será un xogo exclusivo de lanzamento, converténdose na primeira grande produción feita para xogos de realidade virtual.
A relación entre Oculus VR e CCP Games foi moi próxima nos últimos meses, polo que non sorprende que vaian levar adiante este xogo de acción en realidade virtual ambientado no universo de EVE Online, que xa conta cun trailer dende hai varios meses, no que prevén o seu lanzamento en 2014, data que descoñécese se será certa, pois o lanzamento comercial de Oculus Rift continúa a ser un misterio, limitándose polo momento a ser un produto para desenvolvedores.
Pese a descoñecerse cando será unha realidade, EVE: Valkyrie xa recibiu media ducia de premios, como o mellor xogo para PC da pasada feira E3 segundo PC Gamer e o xogo máis innovador para IGN, o que fai que sexa moita a expectación dos afeccionados aos xogos de combate espacial, que poderán levar a súa afección a un nivel superior, grazas ao enriquecemento da experiencia que permitirá a realidade virtual.


Vídeo promocional de EVE: Valkyrie

PUBLICIDADE