EverCam, a cámara de vixilancia sen fíos con 1 ano de autonomía

martes, 17 de abril do 2018 Marcus Fernández

O atractivo dalgunhas propostas leva a que sexan un éxito instantáneo en plataformas como Kickstarter, como é o caso da EverCam, unha cámara de seguridade sen fíos que promete unha autonomía de 365 días o que levou que a poucas horas do seu lanzamento xa multiplique por 14 a cantidade de cartos que se tiña marcado como meta.
Este produto que pretende chegar ás mans dos seu mecenas en setembro, e aínda que o seu prezo comercial pretende ser de 329 dólares, neste momento pode adquirirse por 219 dólares, o que semella un prezo moi atractivo para un trebello coas súas prestacións, xa que as grandes vantaxes desta cámara serían tanto a súa doada instalación como a ausencia de custos ocultos (xa que outras cámaras precisan do pagamento de cotas mensuais).
A EverCam é unha cámara sen fíos que pode instalarse nun soporte magnético que facilita a súa orientación (disparando unha alarma sonora se detecta que alguén trata de movela á forza), a súa elevada autonomía fai que non haxa que preocuparse de recargala cada poucas semanas, a súa resistencia á auga (IP66) permite a súa instalación en exteriores e tamén integra tecnoloxía de recoñecemento facial e altofalante para permitir unha comunicación bidireccional (por exemplo, para falar con que se achegue á porta do noso domicilio). Pode controlarse a través dunha aplicación móbil que tamén permite configuracións multi-cámara (e tamén o seu uso en combinación con sensores de presenza), o seu sensor ten resolución Full HD e soporte de visión nocturna, e pode gravar as imaxes captadas nunha tarxeta microSD (inclúe unha de 16 GB) así como acceder ao seu contido remotamente.
Dende a campaña de micromecenado desta cámara están dispoñibles distintos lotes que inclúen varias cámaras e sensores de portas, buscando así facilitar unha instalación de seguridade de fogares con varias entradas a un prezo relativamente axustado.
En vista da boa aceptación da EverCam, os seus responsables tamén prometen que lanzarán actualizacións de software que incorporarán novas prestacións como compatibilidade con IFTTT ou soporte para Alexa e o Asistente de Google.

PUBLICIDADE