Éxito de participación da nova Xornada sobre Informática Xudicial do CPETIG trala pausa da COVID

xoves, 21 de outubro do 2021 S. P.

O centro de divulgación e demostración tecnolóxica GaiásTech, emprazado na Cidade da Cultura de Galicia, acolleu na mañá deste 21 de outubro a décima xornada do evento Iuristicgal, o foro de expertos sobre informática xudicial e delitos informáticos que organiza o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) e que conta coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). O evento, que regresou canda nós tras un ano de interrupción pola pandemia, esgotou o aforo en presencial con varios días de antelación e contou cun seguimento en streaming de preto de 150 espectadores.
O eixo central desta décima edición foi a dotación de maior seguridade xurídica á nova realidade tecnolóxica, unha cuestión que compartiu protagonismo xunto coas medidas máis acaídas para facer medrar a eficiencia da administración xudicial gracias ás novas ferramentas electrónicas e forenses avanzadas.
Os relatorios estiveron centrados nos mecanismos para garantir a privacidade nos tempos de pandemia, os medios de proba eficaces contra os ciberdelitos e o tratamento de datos xenéticos, expoñendo algúns dos casos máis destacados tanto en España coma no resto do mundo, con convidados que estiveron presentes en Santiago de Compostela e outros que conectaron en directo desde Suíza.
A apertura do evento contou coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, Juan José Martín Álvarez, e da directora da AMTEGA, Mar Pereira Álvarez. Ademais, asistiron profesionais dos sectores das TIC, do Dereito e da investigación forense, tanto na celebración en presencial como a través da retransmisión vía streaming.
Por exemplo Eloy Velasco, maxistrado da Audiencia Nacional, quen sinalou na súa intervención que a pandemia foi quen de centrar o groso da nosa atención ao longo dos case dous anos de adversidade que vimos de deixar a atrás, pero non podemos esquecer que “houbo moita xurisprudencia moito máis reflexionada ao longo deste tempo”, un período que tivemos ocasión de aproveitar para avaliar todos os elementos propios da sociedade cada vez máis dixital na que vivimos, un proceso que incrementou a presenza das probas tecnolóxicas no ámbito da Xustiza: “A proba tecnolóxica ten moitas potencialidades e algunha debilidade (...) preocúpame especialmente que é unha proba mutábel, alterábel e moi volátil, polo que cómpre asegurala ben”.
Na xornada tamén interviron Pilar Nicolás Jiménez, profesora de Dereito e investigadora da Cátedra de Dereito e Xenoma Humano da Universidade do País Vasco, e máis Carmela Troncoso, enxeñeira de Telecomunicacións e investigadora galega especialista en privacidade, amais de profesora na Escola Politécnica Federal de Lausana, Suíza, onde está á fronte do laboratorio Spring (centrado no impacto da aprendizaxe automática na sociedade).
Despois das distintas intervencións individuais pechouse a xornada cunha mesa redonda moderada polo avogado especialista en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) da firma Pintos & Salgado, Víctor Salgado, que levou por título Pode a tecnoloxía axudar a protexer os nosos dereitos e optimizar o funcionamento da Xustiza?
Pola súa banda, desde o CPETIG, o seu presidente Marcos Mata agradeceu a participación dos asistentes e a colaboración dos relatores e da axencia AMTEGA nesta nova edición, “que se recupera despois da cancelación ocasionada pola pandemia en 2020, mudando o seu formato e adaptándose á nova realidade”. Por primeira vez, salientou, desenvolveuse nun formato mixto presencial e streaming.

PUBLICIDADE