EyeFi renóvase para achegar aos fotógrafos accesibilidade total ás súas imaxes

xoves, 8 de xaneiro do 2015 Redacción

EyeFi, suite de aplicacións de fotografía e servizos na nube, vén de incorporar importantes funcionalidades ao seu seo destinadas a facer máis cómoda e accesíbel a plataforma, características entre as que se contan a posibilidade de elixirmos a nosa cámara favorita ou un recurso que nos axuda a elixir o intre máis axeitado para facermos unha foto. Tamén se traballou en achegar un acceso doado e rápido a cada imaxe, “en calquera momento e en calquera lugar”.
Lembrar que EyeFi é unha compañía especializada en ofrecer solucións para facer fotos con DSLR, Wi-Fi e cámaras de dispositivos intelixentes. Entre as súas novas capacidades inclúese a de permitirnos organizar e sincronizar as nosas imaxes a través do smartphone ou tableta co escritorio dun PC, automaticamente e tan axiña como se toma a fotografía.
Por outra banda, o sistema pon en xogo o factor nube (EyeFi Cloud), o que libera aos computadores persoais e os seus discos duros de ter que amorear e cargar cantidades inxentes (e crecentes) de ficheiros (a almacenaxe no PC, práctica aínda moi estendida, dificulta o acceso aos ficheiros a través dunha tableta ou outro dispositivo). De feito, EyeFi Cloud fornece unha funcionalidade para cargar fotos que posibilita a transferencia de imaxes existentes desde un PC a EyeFi Cloud e de forma ilimitada. “Co cargador de fotos”, informan os responsábeis da plataforma, “as imaxes envíanse facilmente a EyeFi Cloud e sincronízanse de contado con todos os dispositivos, o que fai que a colección de fotos sexa accesíbel dende calquera recanto a través de tabletas, teléfonos ou todo tipo de dispositivo con conexión a Internet”.
Entre as características adicionais do novo EyeFi inclúense: previsualización de todas as fotos, realización de axustes, ver que axustes da cámara se empregaron para crear a imaxe perfecta ou buscar fotos por tipo de cámara para atopar rapidamente as mellores.

PUBLICIDADE