FITT360, unha cámara de 360 graos para pendurar do pescozo

luns, 19 de febreiro do 2018 Marcus Fernández

Como unha solución para captar vídeo en 360 graos dun xeito cómodo Linkflow desenvolveu coa aceleración de Samsung o que aseguran que é a primeira cámara de 360 graos en formato de banda para o pescozo, a FITT360, que permitiría así capturar momentos dende un punto de vista de primeira persoa e sen o problema de que o propio corpo da persoa que filma obstaculice a gravación.
Esta orixinal cámara que pode levarse enriba comodamente está a ter boa acollida en Kickstarter, onde a súa campaña superou sobradamente a súa meta e aínda está dispoñible para a súa adquisición a un prezo que parte de 396 dólares (319 euros), estando previsto o seu envío aos mecenas a partires do mes de outubro.
A FITT360 adopta un formato moi empregado nos últimos anos para auriculares sen fíos (que poden levarse pendurados no pescozo) e de feito, a cámara tamén integra auriculares para poder empregarse para escoitar música ou responder chamadas, converténdose así nun accesorio máis funcional que integra na súa banda 3 cámaras de alta definición e un botón de disparo, de xeito que chegaría con levar posta a cámara e premer un botón para poder rexistrar o que acontece ao redor dende unha perspectiva de primeira persoa moi fiel, e que incluso podería retransmitirse en directo a través da Rede.
A cámara podería rexistrar até 90 minutos de vídeo en 360 graos, permitindo exportar as imaxes e vídeos captados tanto en 360 graos (4K) como en formato plano (ou sexa, coa información captada por cada unha das 3 cámaras por separado). Integra GPS, soporta calor e impactos e tamén é resistente á auga (IPX6).

Vídeo de exemplo da cámara FITT360

PUBLICIDADE