FLEPia, o lector de libros electrónicos con pantalla en cor

mércores, 18 de marzo do 2009 Marcus Fernández

O pasado verán comentamos que Fujitsu presentara FLEPia coma o lector de libros electrónicos que destacaba por ser capaz de presentar ata 4.096 cores en pantalla, e que sairía á venda o pasado outono no Xapón, pero o dispositivo demorouse e non verá a luz ata finais do mes de abril.
O FLEPia conta cunha pantalla táctil de 8 polgadas cunha resolución de 768 x 1.024 píxeles que finalmente poderá amosar ata 260.000 cores, conta con Bluetooth e Wi-Fi, le tarxetas SD de ata 4 Gb e conta cunha autonomía de 40 horas de uso continuado. Só ten 12,5 milímetros de grosor e 385 gramos de peso.

O FLEPia venderase en cores branca e negra

Aparte do seu atractivo evidente (cor, conectividade e mobilidade) tamén o FLEPia non se limita a ler formatos propietarios coma moitos dos seus competidores, sendo capaz de amosar documentos PDF, TXT, HTML, Word, Excel, PowerPoint e XMDF, así coma os máis habituais formatos gráficos (BMP, GIF, PNG e JPEG) e sorprende por funcionar cunha versión completa de Windows CE 5.0.
O principal atranco inicial deste dispositivo de Fujitsu será o seu prezo, que é de 99.750 iens (uns 778 euros), aínda que resulta moi interesante de cara ao futuro da publicación de revistas, xornais e mesmo comics, que poden atopar neste tipo de dispositivos un soporte bastante axeitado para a súa visualización, pese a que falta bastante tempo para que mellore en detalles como a velocidade de refresco (que é de 1,8 segundos para unha pasada e ata 8 segundos para 3 pasadas, como podemos ver nos vídeos de demostración publicados por Fujitsu) ou a resolución gráfica (que dista bastante da calidade de imprenta).


Demostración do funcionamento do Fujitsu FLEPia

PUBLICIDADE