Facebook e Twitter bloquean un vídeo de Trump no que asegura que os nenos son «case inmunes» á COVID-19

xoves, 6 de agosto do 2020 Marcus Fernández

As polémicas declaracións de Trump realizáronse por teléfono nunha retransmisión de Fox News

Aínda que nos últimos meses as plataformas sociais foron bastante permisivas cos contidos publicados por Donald J. Trump por ser unha figura pública e que o bloqueo dos seus contidos poida parecer un atentado á liberdade de expresión, nas últimas horas houbo unanimidade á hora de bloquear unha publicación do presidente dos EE.UU., e tanto Facebook como Twitter están a impedir o acceso a un vídeo no que Trump declara que os nenos deben regresar ás aulas por seren «case inmunes» á COVID-19, afirmación que pode considerarse unha grave falsidade que pode ser un perigo para a saúde pública, polo que incumpre directamente as normas de Twitter e de Facebook.
A divulgación deste tipo de mensaxes no caso da conta oficial de Trump só supuxo o bloqueo dese contido puntual, mentres que da súa conta de campaña, @TeamTrump, as repercusións foron máis serias, xa que esa conta carece das proteccións que ten o presidente como figura pública, de xeito que dende Twitter bloquearon temporalmente tal conta pola divulgación de desinformación (ou sexa, que os responsables da conta deben eliminar o contido polémico para poder volver chiar).
Este incidente sorprende especialmente pola reacción tallante de Facebook, que eliminou directamente o vídeo da páxina de Facebook de Trump, cando en ocasións anteriores (como cando fixo apoloxía da violencia nun comentario sobre os disturbios raciais que tiñan lugar nos EE.UU.) negábanse a tomar medidas contra o presidente, pero desinformar sobre a saúde pública consideran que é demasiado perigoso como para deixalo pasar.

PUBLICIDADE