Facebook permitía que traballadores externos escoitasen as mensaxes de voz de Messenger

mércores, 14 de agosto do 2019 Marcus Fernández

Nas últimas semanas non cesan as informacións que apuntan a que os asistentes de voz achegan gravacións de voz dos seus usuarios a persoas para que verifiquen o recoñecemento de voz e así contribúan á súa mellora, o que loxicamente non se limita aos asistentes, e é a práctica habitual con calquera sistema de recoñecemento de voz, como vén de constatarse ao publicarse que Facebook tamén permitía a persoas escoitar mensaxes de voz remitidas a través de Messenger para facilitar a súa conversión a texto.
Dende hai tempo, o Messenger conta cunha funcionalidade na que se recoñecen as palabras que se mencionan nunha mensaxe de voz para poder amosar un pequeno resumo e así poder identificar claramente as mensaxes gravadas, e unha mostra destas mensaxes subministrábanse a empresas contratadas por Facebook para revisar a calidade das transcricións, aínda que non o anunciaron claramente, polo que agora que saíu á luz puxeron en suspenso este servizo de revisión.
Realmente resulta alarmante a falta de transparencia das compañías ante prácticas xeneralizadas, e agora que están a situarse baixo os focos dá a impresión de que a solución que utilizarán é simplemente incorporar unha sección na configuración das aplicacións na que se dea permiso a empregar os datos intercambiados para mellorar a calidade do sistema.

PUBLICIDADE