Facebook potencia as fotografías 3D

mércores, 17 de abril do 2019 Marcus Fernández

O pasado outono Facebook incorporou a posibilidade de compartir fotografías en 3D xeradas grazas á información de profundidade que rexistran os iPhone con dobre cámara no seu modo retrato, e aínda que o efecto resulta bastante rechamante, non conseguiu callar, polo que agora exploran novas fórmulas para potenciar as fotografías 3D.
Por unha banda temos que as fotografías en 3D xa non quedarán limitadas á cronoloxía de Facebook, senón que poderán publicarse nas historias, o que resulta máis natural, xa que ao presentarse as imaxes a pantalla completa é máis evidente e cómodo de visualizar o seu efecto.
Dado que en moitos casos quérense crear fotografías en 3D sen partir da realidade (por exemplo, con imaxes de cadros ou de carteis promocionais) tamén prepararon unha ferramenta para poder cargar fotografías 3D dende a web, para o que haberá que cargar unha imaxe ordinaria xunto cunha imaxe en tons de gris que indiquen o nivel de profundidade.
Pero o anuncio que posiblemente resulte máis relevante é o de que as fotografías 3D pasarán a abrirse a móbiles con Android, comezando polos terminais da familia Galaxy de Samsung con dobre cámara, prevéndose que esta funcionalidade vexa a luz o mes que vén.

PUBLICIDADE