Facebook publica unha peza audiovisual sobre o poder das comunidades que xorden na nosa terra

venres, 28 de xuño do 2019 Marcus Fernández

A primeiros de maio pasou polo centro comercial Marineda City da Coruña unha iniciativa chamada Facebook Estación Central Galicia, que servía para dar a coñecer as posibilidades de Facebook para conectar a persoas a través dunha serie de actividades presenciais nas que participaron máis dun milleiro de persoas, e pretendían que servisen para captar algún proxecto para unha peza audiovisual que estaban a preparar co actor galego Tamar Novas, e que por fin está dispoñible en liña.
Facebook: Historias de una comunidad - Galicia é unha reportaxe de preto dun cuarto de hora na que entrelazan tres historias de diferentes puntos da xeografía galega cun punto en común: ter nacido en Facebook. A directora de Comunicación de Facebook, Lola Baños, asegura que «as historias que coñecemos en Galicia son unha mostra da diversidade e a cultura galega, chegáronnos ao corazón e seguro que namorarán tamén ao público. A misión de Facebook é ofrvecer ás persoas a posibilidade de crear comunidade a achegar o mundo, e esta peza é unha mostra de que cando as persoas se xunta acontecen cousas incribles».
A primeira das historias recollidas é a de Txema e Bea, que hai uns anos decidiron abrir unha peixería nun céntrico mercado de Vigo e, ao ter coñecementos en mercadotecnia dixital, quixeron xuntar ambos mundos e crearon unha páxina de Facebook que conseguiu construír comunidade e incluso ampliar a súa clientela a toda a península.
Tras La Pescadería de Mi Barrio a protectora APACA sorpréndenos cunha comunidade formada na súa páxina de Facebook para sensibilizar coa desprotección e o abandono de animais de compañía e que conseguiron certa proxección coa súa orixinal Compostela Canina para os chamados perregrinos.
O peche da reportaxe chega cun grupo de Facebook que axuda á difusión do Galeón de Ribadeo, considerado o mellor conservado do mundo. Conseguiron así crear comunidade en torno ao navío afundido, divulgando a historia do galeón de Ribadeo e así promover a súa valorización e protección.
Temos así uns claros exemplos de como unha plataforma como Facebook poder resultar extraordinariamente positiva para construír comunidades ao facilitar a conexión entre persoas e intereses, podendo incluso servir para inspirar e reflectir o potencial das comunidades que xorden entre a nosa poboación.

Peza audiovisual producida ao abeiro de Facebook Estación Central Galicia

PUBLICIDADE