Fall Guys convértese no xogo do verán

luns, 24 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Dentro dos xogos de PlayStation Plus do mes de agosto figuraba un descoñecido Fall Guys: Ultimate Knockout, pois falamos dun xogo que se estreou o 4 de agosto, lembrando aos pasos seguidos por Rocket League, título estreado a través de PS Plus en PS4, e que chegou a converterse en todo un fenómeno multiplataforma.
No caso de Fall Guys, o xogo de Mediatronic editado por Devolver Digital, temos unha especie de battle royale de 60 xogadores en liña que, en vez de enfrontarse a tiros, simplemente están a moverse por escenarios caóticos con obstáculos estrafalarios que poden lembrarnos ao programa de televisión Humor Amarillo, todo cunha estética chea de cor, e deseños moi minimalistas, que resultan moi agradables para todos os públicos, provocando que os usuarios de PS4 sexan os que estean a facer de tractor deste xogo que tamén está dispoñible para PC.
É difícil saber que foi o que levou a este xogo tan tolo a trunfar en poucas semanas, pero parece que as situacións graciosas que provoca e a alta accesibilidade que fai que tanto adultos como cativos poidan pasar bos momentos enfrontándose en arenas absurdas, e o feito de que estas situacións estean a compartirse masivamente na Rede e converterse en virais, leva a que non haxa dúbidas ao considerar que estamos ante o xogo do verán e, de manter o seu pulo, podería converterse no xogo máis salientable de 2020.
Fall Guys conseguiu mesturar con éxito as fórmulas de xogos tan distintos como Mario Party e Fortnite, aínda que en contraste cos xogos máis tradicionais, a habilidade non chega para gañar unha quenda, senón que tamén é preciso ter moita sorte, permitindo así que case calquera xogador poida chegar a gañar do xeito máis ridículo posible, constatando que o xogo non busca ser xusto, senón que simplemente persegue a diversión.
É de esperar que nas vindeiras semanas Fall Guys dea o salto a plataformas como Xbox One e Nintendo Switch, para continuar a súa sendo de éxito, e dende a chinesa Bilibili aseguran terse feito cos dereitos para publicar unha versión móbil do xogo para o mercado chinés, o que ratificaría o interese polo xogo máis viral do ano.

Vídeo de presentación do xogo

PUBLICIDADE