Fall Guys de balde para todos

xoves, 23 de xuño do 2022 Marcus Fernández

O célebre xogo Fall Guys, que conseguira grande popularidade ao lanzarse para PlayStation 4 hai un par de anos dentro de PlayStation Plus, de xeito que tivo un número masivo de xogadores até converterse para moitos no xogo do verán, quere manterse vivo e atraer a novos xogadores, polo que estrea versións para Nintendo Switch e Xbox, á vez que en plataformas xa presentes amplía posibilidades con versións para PlayStation 5 e para a Epic Games Store, sendo en todos os casos un título de balde (con compras integradas). Cómpre salientar que ao estrearse como xogo de balde na tenda de Epic Games o xogo para PC deixa de estar á venda en Steam.
O xogo non só é de balde e multiplataforma, senón que tamén destaca polo xogo cruzado, de xeito que os usuarios poderán xogar indistintamente en diferentes dispositivos e plataformas, podendo tamén enfrontarse aos seus amigos con independencia da plataforma que empreguen, conseguindo así xuntar a moitos usuarios de todo o mundo nesta proposta de diversión extrema.
Para que este título, que algúns describen como unha sorte de Humor Amarillo, poida ser rendible basea o seu negocio en compras dentro da aplicación e, aínda que é posible xogar e progresar sen pagar, para poder desbloquear contidos anímase ao usuario a pasar por caixa, aínda que sexa principalmente para personalizar a súa estética dentro do xogo para ser máis recoñecible (práctica que trunfa en moitos outros xogos masivos en rede).

PUBLICIDADE