Fall Guys non chegará a Switch e Xbox o vindeiro verán

venres, 30 de abril do 2021 Marcus Fernández

O pasado verán o xogo Fall Guys converteuse en todo un fenómeno de masas coas súas versións para PlayStation 4 e PC, e confiábase en que, superado o prazo dun ano dende o seu lanzamento chegase a novas plataformas como Nintendo Switch e consolas Xbox, pero finalmente estes lanzamentos veranse adiados, polo que non veremos o xogo en novas consolas no verán, retraso que dende Mediatonic aseguran que é principalmente consecuencia da adaptación aos novos recursos que teñen dispoñibles tras a compra deste estudio por parte de Epic Games.
Pero non todo son malas novas, senón que ao anunciar que haberá que ser pacientes para ver Fall Guys en Switch e Xbox confirmaron un detalle moi importante: o xogo terá xogo cruzado. Ou sexa, que os responsables do xogo van aproveitar o tempo de desenvolvemento adicional para que cando chegue a novas máquinas sexa posible xogar indistintamente nas plataformas nas que o xogo está dispoñible, o que facilitará o crecemento da súa comunidade de usuarios, xa que non segregará aos amigos en función da consola que teñan.

PUBLICIDADE