Far Cry 5 programa o seu lanzamento para febreiro de 2018

venres, 26 de maio do 2017 Marcus Fernández

Ubisoft presentou hoxe oficialmente o que será o seu xogo Far Cry 5, xogo que nos trasladará ao Condado de Hope, un idílico lugar onde vive unha comunidade de persoas amantes da liberdade e tamén fanáticos que veneran un culto apocalíptico que se infiltrou silenciosamente en todos os aspectos da vida cotiá. Aparte de amosar esta curiosa proposta, tamén confirmaron que o xogo estará dispoñible para PlayStation 4, Xbox One e PC a partires do 27 de febreiro de 2018.
Nesta aventura teremos que enfrontarnos á seita coñecida como a Porta do Edén, liderada polo profeta Joseph Seed, que veñen de emprender a senda da violencia para tomar o control da rexión, polo que haberá que alzarse e resistir para liberar a unha comunidade asediada.
Como vén a ser habitual nesta saga, poderemos explorar con liberdade a terra, o ceo e os ríos do contorno, contando tamén cun amplo arsenal de vehículos e armas personalizables. A historia tamén se irá adaptando ás alianzas que se forxen, para dar pé a situacións inesperadas.
O xogo tamén permitirá controlar a animais salvaxes, gozar dun modo cooperativo para dous xogadores, ter grande capacidade de elección... toda unha serie de oportunidades como as que adiantan no tráiler de presentación do xogo:

PUBLICIDADE