FeiyuTech revoluciona as cámaras estabilizadas de peto

mércores, 11 de agosto do 2021 Marcus Fernández

A cámara de peto DJI Osmo Pocket supuxo toda unha revolución, ao facer moi accesible a tecnoloxía de estabilización de imaxe desenvolvida para as cámaras dos drons, ao integrala nunha pequena cámara que pode transportarse comodamente e manexarse dun xeito moi doado grazas á súa multitude de automatismos, o que levou a que outros fabricantes chineses non tardasen en lanzar clons deste produto dun xeito bastante descarado, ofrecéndose como versións económicas do produto de DJI.
Pero dende FeiyuTech entenderon que podían competir neste mercado incorporando unha interesante innovación, e decidiron lanzar a través da plataforma de micromecenado Indiegogo a nova cámara Pocket 2S, que presume de ser a primeira cámara estabilizada desmontable.
Basicamente a Feiyu Pocket 2S é unha cámara de peto estabilizada en 3 eixes, que capta vídeo en 4K a 60 imaxes por segundo a través do seu sensor Sony, que incorpora detección e seguimento de cara (para centrar o vídeo de xeito automático) que como innovación permite separar a cámara estabilizada do seu corpo (onde está a pantalla, o sistema de control e a batería) mediante un cable, contando ambas partes por separado de imáns para facilitar a súa suxeición sobre superficies metálicas como guiadores de bicicleta ou moto ou coches, e así facilitar a súa instalación para a realización de vídeos impresionantes. A separación do corpo da cámara tamén fai máis doado vestir a cámara, colocándoa nun casco ou mesmo na roupa, para así conseguir gravacións en primeira persoa dun xeito cómodo, ou incluso permite instalar a cámara nun pau de selfie, o que resulta práctico para gravarse a un mesmo ou moi especialmente para conseguir imaxes dende certa altura e con movementos normalmente reservados a equipamentos profesionais.
Está previsto que a Pocket 2S comece a chegar aos seus mecenas no mes de outubro e os máis rápidos en encargar o produto poderán beneficiarse dun prezo de 309 dólares (264 euros), estando tamén dispoñible un lote de accesorios (pau de selfie, adaptador para micrófono, mini-trípode e adaptador para o teléfono) por 89 dólares (76 euros), sendo tamén posible adquirir o dispositivo Pocket 2 (sen a cámara desmontable) a un prezo de 329 dólares (281 euros).
Cómpre advertir que aos prezos indicados habería que sumar gastos de envío e, con moita probabilidade, recargas arancelarias, polo que probablemente non sexa unha boa idea adquirilos a través de Indiegogo e compense agardar a que cheguen ao mercado por canles de distribución tradicionais.

A cámara de peto de FeiyuTech destaca pola súa versatilidade

Vídeo promocional da cámara Feiyu Pocket 2S

PUBLICIDADE