Filtran detalles dos novos terminais de Dell

xoves, 22 de abril do 2010 Marcus Fernández

O Dell Lightning será o terminal de Dell que estreará o sistema operativo Windows Phone 7

Dende o blog tecnolóxico Engadget sorprenderon agradablemente ao publicar detalles filtrados sobre o que serán os novos terminais de Dell, compañía que está a preparar o Dell Lightning, que sairía ao mercado a finais de ano para estrear o sistema operativo Windows Phone 7, mentres que tamén amosan outros dispositivos baseados en Android que Dell colocará no mercado nos vindeiros meses.
O Dell Lightning é un móbil con teclado deslizante, procesador Snapdragon a 1 GHz, pantalla OLED de 4,1 polgadas, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, 1 Gb de almacenamento interno, 512 Mb de RAM e lectura de tarxetas microSD, GPS, acelerómetros, compás dixital, radio FM, soporte de Flash e un deseño moi atractivo, sendo o seu principal defecto que farase de rogar, pois non verá a luz ata o último trimestre do ano.

Os Dell Flash e Smoke serán 2 dos móbiles con Android que prepara Dell

Dentro dos produtos que funcionan con Android, poderiamos considerar que Dell tamén achegará un terminal moi semellante ao Lightning, o Dell Thunder, que tamén contará cunha pantalla OLED de 4,1 polgadas, soporte de Flash 10.1 e Android 2.1, agardando que tamén chegue cunha aplicación para acceder aos vídeos de Hulu (nos EE.UU.), polo que sería un equipo moi atractivo que tamén agárdase para finais de ano.
Pero os móbiles con Android de Dell non paran aquí, e a compañía tamén prepara o Dell Flash e o Dell Smoke, destacando este último por ter unha pantalla de só 2,8 polgadas para facer sitio para un teclado QWERTY físico, procesador a 800 MHz, cámara de 5 Mpíxeles, Bluetooth 2.1, Wi-Fi, lector de tarxetas microSD de ata 32 Gb e micrófono para cancelación de ruído.
O Dell Flash, pola súa banda é un terminal máis tradicional, cunha pantalla de 3,5 polgadas, cámara de 5 Mpíxeles con enfoque automático, estabilización de imaxe e detección de sorrisos e pestanexos, 512 Mb de RAM e ROM, lector de tarxetas microSD de ata 64 Gb, Wi-Fi, saída de televisión, procesador a 800 MHz e Bluetooth 3.0, prestacións que deixan claro que non un terminal para o presente ano, senón que sairía en 2011, cun elegante deseño e un grosor de só 11 milímetros.

O Dell Looking Glass será un MID con pantalla de 5 polgadas e procesador Tegra 2

Dada a antelación destas filtracións, os móbiles aínda poderían cambiar bastante en prestacións, en boa medida pola posibilidade de que o mes que vén presenten o Android 2.2, pero a cousa non queda só en teléfonos móbiles, senón que Dell tamén prepara un par de MID, aínda que os promocionan coma tablets aproveitando a popularidade do iPad.
O Dell Streak sairá en setembro supostamente con Android 2.1, e convertería en realidade o rumoreado terminal con pantalla de 5 polgadas coñecido coma Dell Mini 5, mentres que en novembro veremos o lanzamento do Dell Looking Glass coma un tablet máis ambicioso que, aparte de Android 2.1, contaría cun procesador Tegra 2, sintonizador de TDT opcional, 4 Gb de RAM e 4 Gb de almacenamento interno, lector de tarxetas SDHC de ata 32 Gb e cámara de 1,3 Mpíxeles, polo que estariamos simplemente nunha versión máis potente do Streak.

PUBLICIDADE