Filtran os prezos dos equipos con Windows RT/8 de Asustek

martes, 18 de setembro do 2012 Marcus Fernández

O ASUS Taichi sorprende por contar con 2 pantallas táctiles (en ambas caras da tapa do portátil)

Coa chegada de Windows 8 ao mercado virán moitos novos produtos como portátiles, tablets e equipos híbridos que están a ser unha grande incógnita tanto nos seus plans de comercialización como na aceptación que terán por parte do mercado, e para dar algunha pista de por onde irán os tiros dende ZDNet veñen de publicar unha imaxe na que filtrarían os plans de Asustek, que poñen o rango de prezos máis arriba do que moitos usuarios desexariamos.
Por unha banda teriamos que o tablet con procesador ARM e sistema operativo Windows RT da compañía tería un prezo de 599 dólares (vendéndose a súa base con teclado aparte por outros 199 dólares). Este equipo, o ASUS Vivo Tab RT (TF600T) tería pantalla Super IPS+ de 10,1 polgadas, procesador nVIDIA Tegra 3 de catro núcleos e incluíra o MS Office 2013 precargado. O seu prezo sorprende se temos en conta os rumores que apuntaban a tablets con Windows RT a prezos que estarían preto dos 300 dólares, pero non se miramos ao outro produto semellante do fabricante (os tablets Asus Transformer) que tamén se moven neses rangos.
Un pouco máis potente sería o ASUS Vivo Tab (TF810C), que seria un tablet con procesador Intel Atom Z2760 que custaría 799 dólares (a base con teclado externo tamén custaría 199 dólares), tería unha pantalla Super IPS+ de 11,6 polgadas e Windows 8 cunha versión de proba do Office.
O sistema insignia da compañía tería que ser o agardado ASUS Taichi, que contará cunha pantalla IPS dual de 11,6 polgadas cunha resolución de 1.920 x 1.080 píxeles, altofalantes Bang & Olufsen e un prezo de 1.299 dólares, o que o sitúa fóra do alcance da meirande parte dos usuarios, aínda que a súa innovación (contar con dous paneis táctiles) tamén faría que non fose un equipo dirixido a un público xeral.
Atendendo a estes prezos teriamos que a impresión inicial tras o anuncio do Surface de Microsoft de que os dispositivos con Windows RT buscarían competir no rango de prezo do iPad, e os que veñen con Windows 8 achegaríanse máis a portátiles tipo MacBook Air, sería bastante atinada.

Táboa dos futuros equipos de Asustek filtrada por ZDNet

PUBLICIDADE