Final Fantasy XII: The Zodiac Age chega a Xbox One e Nintendo Switch

martes, 30 de abril do 2019 Marcus Fernández

En 2017, dez anos despois do lanzamento español para PlayStation 2 de Final Fantasy XII, chegou a PlayStation 4 Final Fantasy XII: The Zodiac Age, unha versión do xogo con gráficos actualizados á alta definición que hoxe estrea versións para Xbox One (que en Xbox One X corre até a 60 imaxes por segundo) e Nintendo Switch.
Esta versión inclúe a posibilidade de alternar entre a banda sonora moderna e a clásica, un modo Desafío e diversas melloras como a opción de restablecer licenzas , conxuntos de gambits adicionais e novas partidas melloradas.
O xogo, aparte de mellorar resolución, as texturas e os efectos das sombras, introduce certos elementos para mellorar a xogabilidade e accesibilidade do título, como a axilización dos combates, un modo ultrarrápido opcional e a función de gardado automático.
Temos así unha oportunidade de recuperar unha vella entrega de Final Fantasy que vendeu máis de 6 millóns de unidades en todo o mundo (vendendo a serie no seu conxunto máis de 400 millóns de copias).

Tráiler de Final Fantasy XII: The Zodiac Age para Nintendo Switch

PUBLICIDADE