Fire TV Blaster: un accesorio para substituír os mandos a distancia pola voz

martes, 19 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Amazon porá á venda o vindeiro día 11 nos EE.UU. un curioso accesorio para os dispositivos Fire TV con micrófono ou para os altofalantes Echo, que poñen á venda por 34,99 dólares, e que consiste nun emisor de infravermellos para poder aproveitar o recoñecemento de voz de Alexa para o control de dispositivos manexables con mando a distancia.
O Fire TV Blaster é así un complemento que facilita o manexo do televisor mediante a voz, así como o control de volume de barras de son ou o uso de receptores de satélite ou sintonizadores de televisión por cable, reducindo así o uso dos mandos a distancia físicos e facilitando o uso dos dispositivos a distancia dende calquera recuncho da habitación na que estean colocados.
Este trebello ten só 5 centímetros de altura, de xeito que pode colocarse de xeito discreto no salón doméstico, precisando para funcionar basicamente unha fonte de alimentación por micro-USB (inclúe tanto cable como adaptador de corrente de 5 watts).

Grazas ao Fire TV Blaster podemos acender o televisor ou controlar o seu volume coa nosa voz

PUBLICIDADE