Fire, o primeiro smartphone deseñado por Amazon

mércores, 18 de xuño do 2014 Marcus Fernández

Esta tarde Amazon presentou o seu primeiro smartphone, o Fire, que inicialmente vai comercializarse nos EE.UU. en exclusiva con AT&T por considerar que é a compañía que ofrece a mellor rede LTE (4G) do país, de xeito que o terminal pode adquirirse por 199 dólares no seu modelo con 32 Gb de capacidade (o modelo de 64 Gb custaría 100 dólares máis) con contrato ou 649 dólares libre (478,85 euros).
Na liña do que acontece cos tablets coa marca Fire, o novo teléfono tamén funciona cunha versión de Android personalizada (Fire OS 3.5.0) para facilitar o acceso aos contidos comercializados por Amazon, pero con interesantes innovacións como a perspectiva dinámica conseguida grazas a 4 cámaras de baixo consumo e 4 LED de infravermellos situados na parte frontal do móbil para que, controlados por un procesador dedicado que mediante sofisticados algoritmos de visión artificial fai realidade interesantes funcionalidades como xestos cunha man (sen ter que chegar a tocar a pantalla), aplicacións e xogos cunha maior inmersión (xa que a representación gráfica pode mudar en función do punto de vista do usuario) e o Carousel avanzado (que amosará información en tempo real na pantalla principal que poderán definir os desenvolvedores de aplicacións).
Outra interesante novidade incluída no Fire é a tecnoloxía Firefly, que combina o inmenso catálogo de contidos físicos e dixitais de Amazon con tecnoloxías de recoñecemento de imaxes, texto e audio para identificar enderezos web e de correo electrónico, números de teléfono e códigos de barras e QR, así como máis dun cento de elementos (entre películas, series de televisión, cancións e produtos) de xeito que con só premer o botón de Firefly podemos ter información de utilidade ao noso alcance. Temos así unha ferramenta que fará doado localizar produtos comercializados por Amazon, aínda que os desenvolvedores tamén poderán aproveitar esta tecnoloxía dende as súas aplicacións, para inventar novos xeitos dos que tirar proveito das súas posibilidades.
O hardware do novo Fire de Amazon é bastante ordinario se obviamos ás innovacións dos seus sensores frontais, pois funciona cun procesador Qualcomm Snapdragon de catro núcleos a 2,2 GHz, 2 Gb de RAM, 32/64 Gb de almacenamento interno, pantalla de alta definición de 4,7 polgadas e Gorilla Glass 3, altofalantes estéreo, conectividade LTE de 9 bandas, GSM de 4 bandas e UTMS de 5 bandas, Wi-Fi AC, NFC, Bluetooth, cámara traseira de 13 Mpíxeles (con flash LED, estabilización óptica de imaxe e HDR) e cámara frontal de 2,1 Mpíxeles (con gravación de vídeo Full HD).
Entre os servizos asociados ao Fire está un servizo de almacenamento na nube que ofrece almacenamento ilimitado para as fotografías tomadas co móbil e a posibilidade de empregar un televisor como segunda pantalla a través de Miracast, Fire TV ou dispositivos PlayStation (quedando o dispositivo móbil como mando a distancia).


Vídeo sobre as posibilidades do novo smartphone de Amazon


Vídeo coa presentación íntegra do Fire de Amazon

PUBLICIDADE