Fitbit Ionic, un completo smartwatch orientado á práctica deportiva

luns, 28 de agosto do 2017 Marcus Fernández

Dende Fitbit pensan que existe espazo para novas plataformas para smartwatches, de xeito que a sistemas operativos como watchOS, Android Wear e Tizen únese agora Fitbit OS, co que funciona o novo Fitbit Ionic, un completo reloxo conectado que xa pode reservarse por 349,95 euros e que pretende ofrecer a experiencia máis completa do mercado, centrándose en todo momento no seu uso para a práctica deportiva.
Temos así que este novo smartwatch é capaz de monitoizar a actividade física e o sono de xeito automático, contribúe a levar uns hábitos de vida máis saudables, axuda durante as rutinas de adestramento (incluso pode facer un seguimento dos largos que levamos percorrido na piscina), integra GPS para analizar o ritmo e a distancia, conta con tecnoloxía de control de ritmo cardíaco, almacena música (para que podamos escoitala por Bluetooth cando practicamos deporte e non queiramos cargar co smartphone) e, como grande vantaxe fronte a outros reloxos semellantes, a súa autonomía podería superar os 4 días.
Máis aló da práctica das súas utilidades para a práctica deportiva e a monitorización de actividade, o Fitbit Ionic tamén conta con diferentes formatos de reloxo (esferas) personalizables, conta cunha tenda de aplicacións e incluso ten un chip NFC que pode almacenar as nosas tarxetas contactless para empregar o reloxo para efectuar pagamentos con só deslizar o dedo un par de veces. Sobra dicir que tamén recibe notificacións do móbil, tanto con avisos de chamadas, mensaxes e eventos de calendarios como de aplicacións como Facebook ou Gmail. É compatible con numerosos dispositivos con Android, iPhone e Windows, cos que se sincroniza a través de Bluetooth.

Vídeo promocional do Fitbit Ionic

PUBLICIDADE