«Fixemos un gran esforzo por potenciar o sector TIC para que competise no mercado global» – Carlos Vázquez (AMTEGA)
venres, 6 de setembro do 2019
Vén de recibir o Premio a Traxectoria Profesional polo Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia (CPEIG). Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), comezou a súa andaina profesional no ano 1998 no sector privado desenvolvendo proxectos web. En 2009 mergullouse no sector público e dende entón non parou de traballar para á sociedade galega. Falamos con el para facer un percorrido pola súa vida profesional.
- Que significa para vostede, vindo o galardón de que vén, o Premio a Traxectoria
Profesional?
- Unha
mestura de sentimentos, por un lado a satisfacción de recibir un premio, un
sentimento agradable, aínda que eu non o vexo como un premio á traxectoria
profesional senón á traxectoria dun equipo. Por outra banda, é un agradecemento
porque considero que o mellor premio que che poden dar nunha profesión é o que
dan os propios compañeiros, por tanto o meu agradecemento tanto ao colexio coma
aos compañeiros que fixeron posible ese premio. E por último un sentimento de
responsabilidade porque, como enxeñeiro e colexiado, recoñezo que este premio é
un recoñecemento a un bo facer colectivo, a unha ética que establece un nivel
de esixencia que no futuro pode ser maior.
- Semella
que vostede dende o primeiro momento estivo ligado á transformación
tecnolóxica. Comezou impulsando a evolución dixital do sector bancario e, dende
2009, facendo avanzar os novos modelos de xestión na Administración autonómica.
Está claro que a súa experiencia profesional foi un continuo ollar cara a
diante...
-A
verdade é que xa pasaron uns cantos anos desde ese comezo nun sector
tipicamente tradicional onde os cidadáns acudían as oficinas bancarias para
realizar calquera trámite. Comezamos ese desenvolvemento da canle de Internet,
a banca electrónica, sen albiscar moito cara a onde ía. Agora a maior parte dos
cidadáns realizan calquera trámite sen pisar unha oficina. Son procesos
complexos que levan moito tempo pero ao final van conseguindo beneficios para
os cidadáns tanto no sector privado coma na Administración Pública.
- A súa andaina profesional está estreitamente ligada a AMTEGA, hoxe en día como
director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da axencia. En que
consiste exactamente o seu labor na entidade?
-Para
poñer en contexto, a AMTEGA é a axencia pública autonómica que se encarga tanto
de definir como executar as políticas públicas de tecnoloxía. En colaboración
coas consellerías e organismos dependentes desenvolvemos todos aqueles
proxectos onde a tecnoloxía pode axudar ou acompañar, tanto no labor interno da
administración coma naquelas tarefas da cidadanía que queren materializar esas
consellerías. Nese ámbito, eu encárgome de levar a cabo e dirixir proxectos nas
distintas consellerías da Xunta de Galicia.
-
Está claro que a axencia é un referente galego, estatal e europeo en materia de
impulso tecnolóxico pero tamén é unha entidade decisiva en materia de loita
contra as fendas dixitais. Cales son as principais contribucións de AMTEGA á
sociedade galega?
-Evidentemente
temos unha dobre vertente. Unha das nosas finalidades é acompañar ás
consellerías e distintos organismos en materia tecnolóxica pero temos un
segundo labor. Por unha banda, impulsar o sector TIC de Galicia e, pola outra,
achegar a tecnoloxía á cidadanía en xeral. Temos traballado para que a
conectividade chegue a toda Galicia, un territorio demográfica e
xeograficamente complexo, tamén na formación e capacitación tecnolóxica dos
cidadáns, porque a tecnoloxía é o presente e todos os galegos teñen que ter os
coñecementos mínimos para aproveitarse dela. E, por último, tamén fixemos un
gran esforzo en potenciar o sector TIC de Galicia, un sector forte con
capacidades para desenvolver proxectos aquí na terra coma competir nun mercado
global.
-
Os estudos de informática son claves para incrementar as opcións laborais da
nosa mocidade. Porén, semella que non son os estudos preferidos polas mozas
estudantes. Onde cre vostede que radica o problema e que cousas considera que
podemos facer para emendalo?
-Non
é unha problemática sinxela de resolver. Hai uns anos, en colaboración coa
Consellería de Educación, fixemos un estudo preguntando aos rapaces que estudan
secundaria e bacharelato sobre os factores influían na súa decisión de estudar
unha carreira e, tamén, sobre que era o que non lles facía atractivo estudar
algunha das titulacións relacionadas con este sector. Coa primeira pregunta o
que se comprobou é que había factores de ambiente familiar e social que
influían na súa decisión. En canto á segunda pregunta si que se percibían
condicionantes máis ligados á propia imaxe do sector, unha imaxe de dificultade
e de non saber as saídas profesionais que teñen. Isto acrecentábase no caso das
rapazas, que percibían o sector como masculino, por tanto tiñamos outra
barreira que vencer que era esa percepción. Este é un sector válido, tanto por
dificultades como por capacidades, e igualitario para homes e mulleres. Para
levar a cabo este cambio hai que facer un traballo de comunicación e marketing
entre o sector e as administracións porque non é un cambio que se poida
producir a curto prazo.
- Nos últimos anos puidemos ver numerosas
iniciativas integradas na Axenda Dixital de Galicia 2020. Agora que se achega a
data de remate dese plan iniciado hai 4 anos, cal considera que foron os
avances conseguidos?
-Nestes
últimos anos levamos proxectos potentes no ámbito educativo, como o proxecto
Abalar, e no ámbito dos servizos sociais creouse a Historia Social Única
Electrónica, un pouco a semellanza do historial clínico no SERGAS. No sector
primario impulsáronse iniciativas innovadoras ao abeiro do uso de vehículos non
tripulados ou co uso de tecnoloxías innovadoras no ámbito das lonxas, ou no
propio transporte. Como balance, temos proxectos de transformación importantes
en moitos sectores e, como obxectivo de cara a medio prazo. temos o
desenvolvemento dunha axenda moito máis enfocada cara aos cidadáns.
- Trala Axenda Dixital de Galicia 2020 teremos unha Estratexia dixital de
Galicia 2030. A contorna dixital é moi cambiante, estamos a adiantarnos
demasiado na planificación ou as liñas que temos que seguir están moi claras?
-Sempre
temos que ter un obxectivo cara a onde camiñar e ese obxectivo ten que ser a
medio prazo porque nos permite ir desenvolvendo outras iniciativas máis de
curto prazo pero tendo claro o obxectivo final.
- Poderiamos pensar que para a modernización da nosa terra o máis importante
son as infraestruturas de telecomunicacións pero, onde considera que é
actualmente crítica unha maior adopción das TIC?
-Galicia
conta cunhas infraestruturas de telecomunicacións axeitadas. Feito isto, agora
o que toca é desenvolver servizos para os cidadáns, elementos de transformación
que permitan que, aproveitando estas infraestruturas, tiren partido dos
servizos e oportunidades deses elementos.
- Galicia conseguiu colocarse en cabeza na adopción do 5G no ámbito estatal.
Lograremos que con este tipo de iniciativas certa xeración de emprego e
oportunidades, así como de retención de talento na nosa terra?
-Isto
xa é unha liga que non se xoga só a nivel autonómico, polo que posicionarse
como referencia a nivel nacional nestas tecnoloxías emerxentes é importante
porque nos sitúa nunha casiña de saída de oportunidades de traballo,
empresariais e de competir nun mercado global. Por tanto, é importante que
busquemos unha posición axeitada e apostemos como elemento estratéxico. Eu
penso que isto suporá oportunidades laborais non só a nivel estatal senón a
nivel global.
-Un
desexo de cara ó futuro?
-A
nivel persoal poder seguir traballando e continuar facendo proxectos de
transformación que melloren as vidas dos cidadáns e que o sector TIC de Galicia
vaia collendo ese peso que lle permita competir nun mundo globalizado e por
tanto converter a Galicia nun referente.