Flappy Bird ingresa 50.000 dólares/día en publicidade

xoves, 6 de febreiro do 2014 Marcus Fernández

Ao dar conta do bo funcionamento de Telegram en España comentamos que a aplicación para iOS que está a ser máis descargada a nivel mundial estes días é o xogo Flappy Bird (conseguindo tamén moi boa resposta na súa versión para Android) e grazas á xente de The Verge sabemos que a aplicación non é só un fenómeno de masas, senón tamén un bo negocio, pois aínda que a súa descarga é de balde, a publicidade integrada estaría a xerar uns 50.000 dólares ao día de media.
O sinxelo xogo que consiste en premer na pantalla para que un pequeno paxaro pixelado manteña o seu voo esquivando obstáculos (na liña de Jetpack Joyride) está a causar furor pese á súa elevada dificultade, conseguindo enganchar aos usuarios, de xeito que tería superado xa os 50 millóns de descargas, o que é todo un logro para un título moi sinxelo que o seu desenvolvedor, Dong Nguyen, programou nunhas poucas noites tras volver do seu traballo.
Nguyen pensa que o seu videoxogo é tan popular por ser diferente ao resto de xogos móbiles actuais, resultando realmente bo para competir contra outros pois “xente nunha mesma aula pode xogar e competir de xeito doado porque é doado de aprender, pero precisas de habilidade para conseguir unha alta puntuación”.

PUBLICIDADE