Fortnite Battle Royale ultima a súa chegada a dispositivos móbiles

venres, 9 de marzo do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos meses o xogo Fortnite converteuse en todo un fenómeno de masas, conseguindo aproveitar o pulo do xénero dos battle royale e converténdose en todo un referente do mesmo, pero Epic Games non se conforma con trunfar en PlayStation 4, Xbox One, PC e Mac, e anuncian que están a preparar o salto de Fortnite Battle Royale a smartphones e tabletas, mantendo as mesmas características que o título para 100 xogadores do resto de plataformas, ou sexa, que conservará xogabilidade, mapas, contidos e incluso contará coas mesmas actualizacións semanais, de xeito que a versión móbil non sería inferior ao resto.
A versión móbil do xogo lanzarase inicialmente para iOS, abríndose o vindeiro luns un evento de invitación para que os interesados en probalo poidan inscribirse, para poder logo recibir unha ligazón para descargar o xogo da App Store. As invitacións iranse repartindo progresivamente entre os xogadores inscritos, recibindo tamén os xogadores códigos de invitación que poder compartir cos seus amigos.
Aínda que tardará uns meses en chegar a Android, o que xa confirman para todas as versións móbiles é que gozarán de xogo cruzado e progresos cruzados con PlayStation 4, PC e Mac, ou sexa, que os xogadores poderán saltar entre distintas plataformas e xogar cos seus amigos con independencia dos dispositivo no que xoguen (coa excepción da Xbox One, consola que queda fóra do xogo cruzado).

PUBLICIDADE