Fortnite e outros xogos en liña estarían entre as causas do 5% dos divorcios británicos

luns, 17 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Non hai dúbidas sobre o feito de que Fortnite é o fenómeno do ano no sector dos videoxogos, cativando a millóns de xogadores de todo o mundo e de distintas idades, como parece constatar unha investigación de Divorce-Online, unha páxina web británica que asegura que no Reino Unido recibíronse unhas 200 peticións de divorcio no que vai de ano nas que a dependencia a Fortnite e a outros xogos en liña son unha das causas para rachar a parella.
Dende Divorce-Online aseguran que ao igual que antes era frecuente que entre os motivos do fracaso matrimonial estivesen as drogas, o alcohol ou as apostas, agora xorden problemáticas como as redes sociais, a pornografía na Internet ou as apostas en liña, polo que non debería sorprendernos que os xogos en rede se aproximen ao 5% das peticións de divorcio no Reino Unido.
Esta información leva a pensar que as sesións maratonianas de xogos en liña non son só unha preocupación para os adolescentes, senón que tamén poden provocar o desleixo das relacións persoais entre usuarios de maior idade, até o punto de supor todo un atranco para as relacións de parella.

PUBLICIDADE