Fortnite estrea o seu segundo capítulo

martes, 15 de outubro do 2019 Marcus Fernández

A fin do mundo de Fortnite por mor dun burato negro conseguiu captar a atención de moitos xogadores, que hoxe mesmo puideron ver como o xogo volvía á normalidade estreando o seu capítulo 2, que permite descubrir un novo mundo, explorar unha flamante illa con 13 ubicacións por descubrir, gozar da nova xogabilidade acuática (pódese nadar, pescar, montar en lancha...), empregar novas funcionalidades de apoio aos compañeiros de escuadrón, poder agocharse para axexar aos rivais ou arrasar con ataques explosivos, e incluso tirar proveito de melloras no combate que evidencian que este xogo precisaba unha pequena renovación para non perder o seu pulo.
Como era de esperar, coa chegada da tempada 1 do capítulo 2 de Fortnite tamén chega un novo pase de batalla, á venda por 950 paVos, que promete «máis diversión, menos farmeo» grazas a un novo sistema de progreso. Dende Epic Games tamén inciden no feito de que xogando é posible facerse con até 1.500 paVos, de xeito que non sería preciso pagar con cartos reais para facerse co pase de batalla da vindeira tempada, así como mercar novos elementos na tenda de obxectos.
Aínda que a meirande parte dos xogadores estean interesados principalmente polo modo battle royale de Fortnite, o orixinal modo Salvar o mundo, continúa moi activo, e xa ten planificadas as actualizacións que recibirá dende hoxe até máis aló do mes de novembro. Este modo de xogo deixa de estar asociado aos pases de batalla, polo que o seu ritmo de actualizacións será menos frecuente, o que permitirá que os cambios tamén estean máis coidados.

Tráiler do capítulo 2 de Fortnite

PUBLICIDADE