Fortnite experimenta a súa fin do mundo

luns, 14 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Para moitos xogadores de todo o mundo a pasada fin de semana foi apocalíptica, xa que o xogo Fortnite experimentou un dos seus grandes eventos de peche de tempada, que desta volta foi máis ousado que nas anteriores, presentando un burato negro que absorbeu todo o mundo do xogo, de xeito que actualmente non é posible xogar, presentando tanto o xogo como a súa páxina web unha retransmisión de vídeo en directo do burato negro.
Temos así que a tempada 10 de Fortnite non rematou dando paso á tempada 11, senón que, se atendemos ás filtracións, estariamos ante o que sería a paréntese que daría pé á tempada 1 do capítulo 2 do xogo. Estaríamos así ante unha maxistral campaña de marketing para o relanzamento do xogo, xa que pechar os servidores durante varios días podería causar a expectación necesaria para que a nova tempada teña unha acollida masiva e repesque a xogadores que tiñan abandonado o xogo.
Aseguran que o remate de Fortnite duraría até o vindeiro xoves, que é o día no que habitualmente se estrean as novas tempadas. Pronto sairemos de dúbidas, pero o que ninguén cuestiona é que dende Epic Games souberon captar a atención do público sobre un xogo que o ten cada día máis difícil para manter a súa posición de mercado.

Vídeo no que podemos ver o estado actual do burato negro de Fortnite

Vídeo filtrado do que sería o capítulo 2 de Fortnite

PUBLICIDADE