FreedomPop converte o GALAXY S II nun móbil económico para comunicacións seguras

mércores, 5 de marzo do 2014 Marcus Fernández

Durante a pasada edición do Mobile World Congress de Barcelona soubemos de Blackphone, un produto de Geeksphone que integra software para permitir comunicacións seguras e que ten un prezo libre de 629 dólares, pero este produto podería ter que facer fronte a un importante competidor, FreedomPop, compañía que vén de anunciar o seu Privacy Phone por só 189 dólares (137,6 euros), que vén a ser un smartphone Samsung GALAXY S II cargado con software que permite cifrar chamadas e mensaxes a través da Rede mediante unha rede privada virtual (VPN) con cifrado de 128 bits.
The Privacy Phone tamén permite navegar de xeito anónimo pola web, evita a monitorización por parte de terceiro, protexe o teléfono de malware, mantén os contactos, o historial de chamadas e as mensaxes de texto protexidas de miradas curiosas, permite bloquear comunicacións non solicitadas e tamén conta con medidas para protexer os datos no caso de que perdamos ou nos rouben o terminal (facilitando tamén a súa localización).
Cómpre destacar que as prestacións de privacidade do terminal precisan de subscrición (10 dólares/mes), incluíndo 3 meses de balde coa compra do smartphone.

PUBLICIDADE