Fujifilm presenta unha cámara micro catro terzos a un prezo axustado

martes, 17 de setembro do 2013 Marcus Fernández

Fujifilm presentou hoxe a súa nova cámara sen espello X-A1, que busca achegar aos consumidores un xeito asumible de entrar nesta familia cámaras con obxectivos intercambiables que ofrecen unha magnífica calidade grazas ao seu grande sensor APS-C CMOS de 16,3 Mpíxeles, á vez que resulta doada de manexar e permite compartir as fotografías dun xeito rápido sen fíos.
A Fujifilm X-A1 venderase en breve por 599 euros cun obxectivo Fujinon XC16-50mm, que resulta bastante versátil, servido tanto para facer imaxes con pouca luz, fermosos retratos ou paisaxes vivas. O seu sensor vese potenciado por un procesador EXR de segunda xeración permitindo levar o seu rango ISO ata os 25.600, permitindo que o usuario seleccione manualmente entre un ISO 200 e un ISO 6.400 para conseguir imaxes claras en interiores e mesmo de noite.
A cámara conta cunha pantalla LCD abatible de 3 polgadas (cunha resolución de 920.000 puntos) que facilita a toma de fotografías en distintos ángulos e integra un flash preciso.
Para facer doada a transferencia de contidos, a cámara conta cun botón que facilita a copia de fotografías e vídeos a través de Wi-Fi para compartilos en redes sociais ou para transferilos a smartphones, tablets e ordenadores. No caso dos dispositivos móbiles, Fujifilm conta cunha aplicación móbil dispoñible para iOS e Android.

A nova micro catro terzos de Fujifilm venderase en distintas cores

PUBLICIDADE