Fujifilm presenta unha nova cámara sen espello

xoves, 24 de maio do 2018 Marcus Fernández

Fujifilm anuncia o lanzamento da nova cámara dixital Fujifilm X-T100, a última integrante da serie X de cámaras sen espello, que chega facendo gala dun deseño refinado, retro e elegante, cunha variedade de características como un visor electrónico de grande ampliación, unha pantalla traseira LCD con inclinación horizontal e unha duración ampliada da batería.
Esta pequena pero potente cámara pesa só 448 gramos, conta cunha cuberta superior revestida en aluminio anodizado (en tres cores distintas) e presenta un acabado retro que dálle un toque de certo luxo.
O seu sensor APS-C de 24,2 Mpíxeles, en combinación co obxectivo Fujinon incorporado, consegue unhas imaxes de grande calidade que grazas á conectividade Bluetooth poderemos compartir rapidamente cos nosos amigos a través do noso smartphone.
A Fujifilm X-T100 conta con enfoque automático con detección de fase, enfoque automático híbrido intelixente e modo SR+ Auto que recoñece suxeitos e escenas, de xeito que a cámara resultará máis doada de empregar por calquera persoa. Pode gravar vídeo 4K de até 15 imaxes por segundo en progresivo, así como Full HD a até 59,94 imaxes por segundo en progresivo.
Esta nova cámara venderase a 599,95 dólares (só o corpo) nos EE.UU., ou a 699,95 dólares cun obxectivo 15-45mm f/3.5-5.6. Aseguran que chegará ás tendas o 18 de xuño.

A nova cámara poderá adquirirse cun obxectivo 15-45mm
A Fujifilm X-T100 ten un deseño refinado, retro e elegante

Vídeo promocional da Fujifilm X-T100

PUBLICIDADE