GAIN e as nosas empresas reivindican unha dixitalización con capacidade de diálogo cos consumidores

xoves, 24 de setembro do 2020 S. P.

Na mañá deste xoves 24 desenvolveuse o terceiro encontro virtual do ciclo A era pos-COVID: redeseñar o mundo, adicado desta volta ao deseño de marcas. A inauguración da cita veu da man da directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, quen apostou polos novos modelos de negocio para facer fronte á crise económica marcada pola COVID e defendeu, dentro destes novos modelos, aqueles que respondan máis axeitadamente ás novas prioridades dos consumidores.
Argerey destacou que a pandemia acelerou un proceso que xa se viña impoñendo como un factor decisivo de competitividade, que non é outro que a dixitalización dos procesos de negocio de calquera sector empresarial, “desde o pequeno comercio ata a gran industria, un eixe no que a Xunta está a intensificar os seus apoios”, explicou.
No encontro participaron cinco profesionais galegos que compartiron a súa visión sobre o deseño de marcas con representantes de empresas e centros tecnolóxicos. Os relatores foron Iván Mato, director creativo de Jones Knowles Ritchie en Londres; Dani Bembibre e David Silvosa, socios do estudio de deseño e construción de marcas Costa; e Charo Froján e Alfredo Olmedo, creativos da marca de moda D-due.
Iván Mato salientou que a pandemia provocou que as marcas tivesen que actuar e “isto fixo que quedasen retratadas polos seus valores diante dos consumidores”. Ademais, subliñou que as marcas que estaban dixitalizadas reaccionaron antes e mellor fronte á crise, ata o punto de “ser un factor clave de supervivencia”.
Pola súa banda, David Silvosa e Dani Bembibre puxeron en valor “que as marcas con éxito son as que buscan a súa esencia”. Sobre as experiencias dixitais, tan estendidas a raíz da pandemia, insistiron “no gran desafío que supón deseñalas de xeito que non supoñan só trasladar ao formato virtual o que se facía en formato presencial, buscando a humanización desas experiencias con elementos coma a interactividade”.
Os creadores da marca de moda D-due, Charo Froján e Alfredo Olmedo, afirmaron que “este é o momento de Galicia” e que eles decatáronse disto a raíz da súa experiencia no mercado xaponés, que lles permitiu “reafirmar o valor do que se fai aquí: a artesanía, a calidade e a autenticidade”. Ademais, explicaron que na súa traxectoria foi fundamental o proceso de construír unha narrativa propia que lles permite difundir unha mensaxe única e honesta a través da súa marca.
A directora de GAIN anunciou que o ciclo A era pos-COVID. Redeseñar o mundo rematará a principios de novembro cun encontro centrado no deseño de novos espazos como tema principal.
Así mesmo, informou da apertura de inscricións ao ciclo Materiais para o futuro, ligado á Materioteca de Galicia. O primeiro dos tres obradoiros online deste ciclo celebrarase o 8 de outubro coa presentación de novos materiais para impresión 3D. Durante a xornada presentarase tamén a nova base de datos da Materioteca de Galicia, na que se poderán consultar en detalle as características e aplicacións desta mostra de materiais innovadores con selo galego.

PUBLICIDADE