GAIN fai un chamamento ao noso tecido investigador para loitar contra o COVID-19
luns, 23 de marzo do 2020
- Patricia Argerey, directora da Axencia Galega de Innovación
A
Axencia
Galega de Innovación (GAIN) vén de lanzar un chamamento para
identificar todas as capacidades do Sistema Galego de Innovación na
loita contra o novo coronavirus. A proclama, que busca dar
respostas específicas do noso tecido de I+D+i en relación á loita
contra a proliferación do COVID-19, estase a materializar a través
dun formulario web habilitado na páxina de GAIN, e está dirixida a
empresas ou centros de coñecemento que dispoñan de solucións
innovadoras maduras que axuden a loitar contra o espallamento da
infección.
A
consulta sobre as capacidades do Sistema Galego de Innovación
permitirá que as contribucións achadas poidan aplicarse nun prazo
de tempo moi curso en ámbitos como por exemplo novos dispositivos de
intervención ou tratamento; solucións innovadoras para fabricación
de ventiladores invasivos; equipos de protección individuais ou
colectivos (máscaras, cortinas, traxes, gorros, luvas...); detección
e destrución do virus, sistemas de desinfección masivos…
En
palabras de GAIN, “trátase de achegar solucións innovadoras que
poidan ser útiles ás autoridades sanitarias para loitar contra o
coronavirus”. A Axencia Galega de Innovación realizará un filtro
das propostas que se reciban e achegará financiamento para as que
resulten de interese. O prazo límite para achegar as solucións
innovadoras é o venres 27 de marzo.