GALPon organiza un curso de creación/administración web con software libre

mércores, 13 de outubro do 2010 Raquel Noya

O Grupo de Amigos Linux de Pontevedra, GALPon, na súa teima por formar aos profesionais galegos no uso de ferramentas de software libre (para seren empregadas en tódolos eidos posible) vén de anunciar a celebración dun curso eminentemente práctico no que se desenvolverán todas as materias precisas para a construcción e posterior configuración e administración dun sitio/servidor web.
Para isto, as persoas asistentes recibirán completa formación en Configuración avanzada de redes en GNU/Linux; Utilización avanzada de Open SSH; Virtualización con VirtualBox; Asterisk e VoIP; Sistemas de copias de seguranza e Introdución a tecnoloxías web con software libre. Construción de sitios web con Drupal.
O curso vai dirixido ao público en xeral, facendo especial fincaré en estudantes ou licenciados/as en Enxeñaría Técnica Informática. Tamén pode resultar de interese para persoal implantador, administrador e deseñador de páxinas web, así como para aquelas persoas que desenvolven ou implantan software.
Para inscribirse fai falla ter experiencia en administración de sistemas operativos a nivel de usuario avanzado e contar con ordenador propio para levar ás sesións.
Estas terán lugar os vindeiros 2, 3, 4, 5 e 8 de novembro na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, en horario de 16:00 a 20:00 horas, ata completar un total de 20 horas.
O prezo deste curso, cuxo programa se pode consultar na web de GALPon, é de 40 euros para o público en xeral e de 30 euros para os membros da comunidade universitaria, bolseiros/as e membros de GUL galegos, que deberán acreditar a súa condición mediante certificación do secretario GUL correspondente.
O rexistro para asistir a este curso pode realizarse na páxina web de GALPon habilitada a este efecto ou enviando un correo electrónico.
Entre os relatores convidados ao curso destacan Adrian Boubeta, técnico superior en Administración de sistemas informáticos; Damián Nogueiras, profesor do Ciclo Superior de Formación Profesional, Desenvolvemento de aplicacións e Administración de sistemas informáticos; Antonio Sanchez León, desenvolvedor e co-coordenador da distribución libre baseada en GNU/Linux GALPon MiniNo; e Alberto Permuy, técnico superior en Administración de sistemas informáticos e
administrador de sistemas GNU/Linux.

PUBLICIDADE