GAME absorbe 4 das tendas galegas da cadea GameStop

xoves, 30 de outubro do 2014 Marcus Fernández

GameStop anuncia que espera completar o seu peche en España a primeiros do mes que vén, e para mitigar os problemas que poidan xurdir tras o cesamento de actividade da multinacional do sector dos videoxogos no noso territorio, detallan as consecuencias desta actuación, dando a coñecer tamén os establecementos actuais que pasarán a operar baixo a marca GAME, que no caso galego limitarase só a catro, situados en Lugo, Ourense, Santiago de Compostela e Vilagarcía de Arousa, de xeito que A Coruña e Vigo verían como as tendas de GameStop actuais pecharían as súas portas definitivamente nos vindeiros días.
Os clientes que tiveran algún xogo reservado nun establecemento da cadea GameStop poderá recollelo na tenda GAME que prefira (ou cancelar a reserva), as tendas GAME tamén canxearán a partires do 1 de novembro os cheques de fidelización e as tarxetas de agasallo de GameStop, e da garantía dos produtos mercados en GameStop lembran que os fabricantes continúan a responsabilizarse dos problemas tras o peche da cadea de tendas, mentres que os seguros contratados en GameStop continuarán podéndose a tramitar a través de GAME (pois pertencen a unha empresa externa chamada SPB, e que continuará a operar con normalidade). O soporte para produtos seminovos mercados en GameStop tamén pasará a ser responsabilidade de GAME.
Para facer máis doada a transición para os usuarios de GameStop, os que tivesen unha tarxeta PowerCard poderán darse de alta como socios de GAME totalmente de balde (cando este trámite habitualmente ten un custo de 3 euros).

PUBLICIDADE