GTA: Chinatown Wars estréase no iPhone

luns, 18 de xaneiro do 2010 Marcus Fernández

O lanzamento de Grand Theft Auto: Chinatown Wars para a Nintendo DS foi un movemento moi arriscado, por presentar un xogo violento e claramente adulto a unha consola orientada a un público familiar, de xeito que as boas críticas deste título non chegaron para producir unhas boas vendas (en boa medida tamén pola reducido investimento publicitario do xogo) o que levou aos seus desenvolvedores a buscar máis plataformas para rendibilizar o seu traballo, lanzando hai uns meses unha adaptación do xogo á PSP de Sony e agora tamén ao iPhone.
O xogo permite tomar o papel de Huang Lee, quen tras o asasinato do seu pai ten que levar unha antiga espada ao tío Kenny para asegurar que a súa familia conserva o control de todas as tríadas de Liberty City, involucrándose en situacións nas que son habituais os enfrontamentos de bandas, as drogas, os homicidios e os cartos.
Resulta curioso que apenas haxa diferenzas entre as 3 versións do xogo, agás no prezo, vendéndose a 19,90 euros para Nintendo DS, a 39,90 euros para PSP e, finalmente, a só 7,99 euros para o iPhone, de aí que cada vez máis vemos como os terminais de Apple compiten de igual a igual con consolas portátiles tradicionais, coa vantaxe de gozar duns prezos máis agresivos.
A versión para iPhone de GTA: Chinatown Wars tería un nivel gráfico intermedio entre as versións de DS e PSP, contrólase mediante un mando e uns botóns virtuais na pantalla táctil do móbil e incluso conserva os minixogos da versión de DS.


A xente de TouchArcade.com probou o novo GTA para iPhone

PUBLICIDADE