GTA V é o xogo máis caro da historia

luns, 9 de setembro do 2013 Marcus Fernández

A semana que vén chegará ás tendas o agardado xogo Grand Theft Auto V, que pode considerarse como un dos proxectos máis ambiciosos da historia do sector dos videoxogos se atendemos aos datos que difunde The Scotsman, publicación que concreta que o xogo leva desenvolvéndose durante 5 anos e fixa o seu orzamento en desenvolvemento e comercialización en 170 millóns de libras esterlinas (201 millóns de euros) polo que sería o equivalente a unha superprodución cinematográfica, converténdose no xogo máis caro da historia.
Pero GTA V non só espera rachar marcas no seu custo, senón tamén nos seus ingresos, agardándose que consiga facturar máis de 1.000 millóns de libras esterlinas (1.184 millóns de euros) para o que deberían superar os 25 millóns de copias vendidas no seu primeiro ano, algo que parece bastante factible se temos en conta a expectación que está a crear esta entrega e o feito de que a franquía en xeral xa vendese uns 135 millóns de unidades.
GTA IV xa fora o xogo máis caro da historia no seu día, e a nova entrega continúa a avanzar na mesma dirección, coa vantaxe de que agora chega cunha xeración de consolas moi madura, cun parque de consolas Xbox 360 e PlayStation 3 moito máis grande e sen medo a que a chegada dunha nova xeración de consolas vaia supor un prexuízo (a actual xeración aínda vai manterse moi activa durante bastantes meses).

PUBLICIDADE