Gadget para ter o móbil sempre á man... (ou ó pé)

venres, 23 de febreiro do 2007 Raquel Noya

“Busque, compare e se atopa algo mellor... mérqueo”... así se anunciaba hai uns cantos anos un coñecido deterxente que ainda hoxe perdura nas nosas mentes; un slógan coma este, claro, sinxelo e directo que fixo que as vendas do producto aumentaran considerablemente, faríalle boa falta a este gadget (inútil?) que apareceu da nada nas nosas pantallas (bueno, non da nada exactamente, o descubrimento deste artefacto imprescindible débemosllo agradecer ás mozas de tecnochica, que amablemente nos orientan en materia de tecnoloxía de última moda).
Ir ó ximnasio, correr polo monte, montar a cabalo, xogar ó golf, bailar, montar en bicicleta ou incluso facer “snow” (non é un anuncio de tampóns, tranquilos!) vai ser moito máis sinxelo a partires de agora co CPC STRAP™ , un gadget feito de velcro que permite portar o móbil en calquera parte do corpo (calquera, calquera...tampouco!); así o aseguran os seus fabricantes (que non saben que a roupa ten petos) que o ofrecen como unha solución ideal para os que non teñen onde levar o móbil ou queren fardar del.
Home a idea é boa se o que queremos é chamar a atención e non pasar desapercibidos por onde queira que vaiamos pero utilidade en sí (sexamos realistas) non a ten. Para que empregarían entón algunhas mulleres eses enormes bolsos nos que collen ata as súas avóas coa cadeira mecedoira incluida? ou os homes que ata agora os levaban pendurados do cinto como se se tratara dunha ferramenta dun bombeiro ou da pistola dun garda civil?

PUBLICIDADE