Galicia Dixital crea a súa Biblioteca Virtual

mércores, 2 de marzo do 2016 Redacción

A plataforma temática sobre Galicia en Internet, Galicia Dixital, vén de anunciar a posta en marcha da súa Biblioteca Virtual de Galicia, un desexo expresado por este espazo que agora cobra vida. A Biblioteca ten como finalidade achegar aos usuarios un elemento de consulta sobre diversos temas xerais ou referidos ao noso país, de difícil acceso por outro medio. Tendo en conta que a elaboración dunha biblioteca é sempre “tarefa dura e complexa”, dende Galicia Dixital anuncian que que polo de agora este servizo tan só conta con 14 publicacións cedidas polos seus autores (algún propio de Galicia Dixital) como achega inicial a un fondo que pretenden sexa infindo:sen límites numéricos ou temporais. Emporiso engaden, que xa dispoñen de decenas de obras que serán publicadas paseniño nas vindeiras semanas.
Dende Galicia Dixital convidan a tódolos autores ou editores (con dereitos sobre calquera publicación) a facilitar os seus orixinais en versión dixital (preferentemente en PDF) xunto cunha autorización expresa para incluílos na Biblioteca Virtual Galega de Galicia Dixital. No caso de non dispor de versión dixital, poderase enviar un orixinal tal como foi editado, para a súa reprodución.
Asemade, tamén fan un chamamento aos autores e autoras de obras inéditas que queiran ser incluídos nesta Biblioteca Dixital, para iso deben enviar os seus orixinais coa indicada autorización para difundilo dentro da dita plataforma en Internet.
A esta Biblioteca Dixital Galega pode accederse a través da páxina principal de Galicia Dixital, onde van aparecendo de xeito aleatorio todos os títulos incluídos ou que se vaian incorporando a esta publicación electrónica dentro desta plataforma en Internet.

PUBLICIDADE