Galicia ante os retos da transformación dixital será o eixe dunha xornada de Telefónica no Gaiás

venres, 14 de febreiro do 2020 Fernando Sarasketa

Este luns 17 temos un encontro coa transformación empresarial na Cidade da Cultural, na Sala Eisenman a partir das 10.00 horas. Estamos a falar da xornada Galicia en Dixital, Transformando a Sociedade e as Nosas Empresas. O encontro empresarial vén da man da operadora Telefónica e contará, entre outros persoeiros do noso tecido produtivo e institucional, coa presenza do conselleiro de Economía, Francisco Conde, e do director da zona Norte de Telefónica España, Francisco Javier Zorrilla. Amais, será inaugurado polo director de Relacións Institucionais de Telefónica España, Antonio Bengoa Crespo.
A xornada Galicia en Dixital ten como obxectivo facilitar o encontro e participación dos axentes máis representativos da nosa terra e “debater sobre o estado da sociedade dixital ao redor da cidadanía, as empresas e as administracións”.
Entre os relatores figuran o director global de Emprendimiento de Telefónica, Miguel Arias; o director de AAPP e Grandes Empresas do Territorio Norte de Telefónica España, Manuel Ángel Alonso Pérez; o director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao Castillo; o director executivo do grupo Optare, Luís Álvarez-Sestelo, e a co-fundadora e directora exexcutiva de Deicom Technologies, Adriana Vázquez.
Trala apertura institucional, celebrarase un relatorio sobre emprendemento e, máis tarde, unha mesa redonda que abordará Os retos da transformación dixital na industria galega. O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, presidirá o acto de clausura, durante o cal estará acompañado polo director Territorio Norte de Telefónica España, Francisco Javier Zorrilla.

PUBLICIDADE