Galicia ficou á marxe do incremento dos pagos dixitais no sector hostaleiro

xoves, 28 de outubro do 2021 S. P.

A compañía de solucións de pago UniversalPay publicou un estudo sobre a transformación experimentada polo sector hostaleiro ao abeiro do espallamento das novas tecnoloxías e, tamén, da crise pandémica que acelerou a marea dixitalizadora. Segundo se fai saber no informe, o sector (a nivel estatal) ingresou un 13,6% máis a través do cobro con tarxetas e dispositivos contactless durante os meses de verán en relación ao mesmo período do ano anterior. Amais, en agosto foi quen de facturar a través do pago con cartón un 11% máis que no mes de xullo e un 25% máis que no mes de setembro.
O estudo releva “un cambio progresivo no comportamento dos clientes á hora de efectuar as transaccións, e a consolidación da tendencia a limitar o uso de efectivo acelerada pola pandemia”. Respecto a Galicia, no canto dunha taxa que reflicta un crecemento no uso destas ferramentas, rexistrouse unha diminución.
Este medre desigual por comunidades, segundo fai saber UniversalPay, débese aos propios fluxos do turismo e ás restricións sanitarias propias de cada territorio: “Por unha banda, o número de turistas recibidos, a procedencia dos mesmos e, pola outra, as restricións máis ou menos relaxadas impostas polas autonomías ao sector, contribuíron a acelerar ou retardar a introdución das transaccións con cartón entre os clientes durante as súas vacacións nun verán aínda atípico”.
Así, o estudo constatou “un meirande aumento da facturación con cartón no centro norte do país”, onde destaca un incremento na recadación con este método de pago en Asturias, comunidade na que se multiplicou por máis de tres, ou en Cantabria, onde case se duplicou a cantidade facturada con cartón en relación ao ano pasado.
Pola contra, Galicia e País Vasco, cun descenso cada unha do 78% e do 55%, son dúas das comunidades onde a recadación do sector hostaleiro pola vía do pago con cartón máis diminuíu este verán en relación ao período estival do ano anterior.

PUBLICIDADE