Garmin une forzas con Disney para animar aos cativos a manterse activos

mércores, 27 de setembro do 2017 Marcus Fernández

Hai un ano Garmin anunciaba a súa pulseira de actividade vívofit jr., coa que pretendía animar aos cativos a manterse activos, e agora levan este accesorio un paso adiante cunha versión renovada que gaña atractivo grazas ás súas estética asociada a marcas recoñecibles polos pequenos. Deste xeito temos que a pulseira vívofit jr. 2 contará con deseños baseados en personaxes da Disney (incluíndo tamén a Star Wars e Marvel), ou sexa, que Minnnie Mouse, os Vingadores, o Capitán América, BB-8 e a Resistencia dos novos filmes de Star Wars terán pulseiras de actividade de seu.
Estas pulseiras compleméntanse cunha aplicación móbil que propón aventuras para os pequenos, que permitiranlles avanzar nunha aventura e desbloquear novos personaxes, incentivo para axudar a que os cativos teñan un mínimo de 60 minutos de actividade ao día, para manterse saudables.
Sumar as marcas de Disney, Star Wars e Marvel a unhas pulseiras que animan aos pequenos a manter un ritmo de vida activo e saudable pode ser unha importante contribución que conseguirá facer máis populares as pulseiras de actividade de Garmin, que até o momento son pouco coñecidas, especialmente no seu novo enfoque dirixido ao público de menor idade.
As pulseiras non só desbloquearán contidos cando os nenos se manteñan activos, senón que tamén poden aproveitarse para programar tarefas como rematar os deberes ou lavar os dentes. Amais, a aplicación móbil que complemente as pulseiras pode animar a converter a actividade física nunha competición para toda a familia, animando así a motivar a todos os membros do fogar a estar activos.
Como exemplo das actividades asociadas ás pulseiras temos que a de Minnie Mouse permítenos participar na organización dunha festa de aniversario para Mickey Mouse, no caso da pulseira de BB-8 poderemos explorar naves abandonadas no planeta Jakku na procura de pezas perdidas e, no caso das pulseiras dos Vingadores participaremos en misións nas que veremos o laboratorio de Tony Stark, axudaremos a Thor a capturar a Loki e acompañaremos á Viúva Negra nas súas misións secretas.
As pulseiras venderanse a partires do cuarto trimestre do ano a un prezo de 99,99 euros.

PUBLICIDADE